Situación de "risco extremo" no incendio de Guadalaxara tras arrasar 16.000 hectáreas
As lapas obrigaron a desaloxar 21 núcleos e a confinar a poboación de catro localidades
A maior parte da superficie queimada pertence ao Parque Natural da Serra Norte
O incendio declarado o pasado xoves no concello de La Mierla, en Guadalaxara, continúa o seu avance, polo que as autoridades acordaron na tarde deste domingo confinar a poboación de Ujados, La Miñosa, Albendiego e Cañamares.
Para poder actuar contra as lapas, o Goberno de Castela-A Mancha ordenara horas antes a evacuación de catro núcleos da Serra Norte: Prádena de Atienza, Robledo, Aldeanueva e Naharros.
Segundo o director técnico de extinción, Gabriel García Marco, a situación é de "risco extremo", xa que están aumentando as condicións de propagación, con refachos de vento de ata 50 km/h, altas temperaturas e baixa humidade relativa.
O lume segue sen control e leva arrasadas 16.000 hectáreas nun perímetro de 100 quilómetros. A prioridade arestora é a defensa das zonas habitadas, por iso hai 21 localidades evacuadas e 800 persoas desprazadas.
Un helicóptero traballa nas tarefas de extinción. EFE/Nacho Izquierdo
Dispositivo
Na zona están a traballar unhas 320 persoas en terra e 26 medios aéreos. O viceonselleiro de Desenvolvemento sostible, José Almodóvar, pídelle á poboación extremar a "precaución" e evitar achegarse á zona de perigo.
"Necesitamos a colaboración da cidadanía, tanto aos que viven nos pobos, que son unha prioridade, como aos que non viven aquí e pedirlles que por favor se absteñan de vir estes días".
Do mesmo xeito, por mor do fume e da cinza vanse suspender os campamentos xuvenís que se están a desenvolver na zona e interromperase por precaución a actividade dunha mina de sílice que hai en Naharros.
Efectivos da UME na Mierla. EFE/Nacho Izquierdo.
Gran valor ambiental
Segundo informan fontes da Consellaría de Desenvolvemento Sostible, a maior parte da superficie queimada, máis do 90 %, pertence ao Parque Natural da Serra Norte, unha zona de gran valor ambiental.
O Goberno de Castela-A Mancha xa está a traballar na elaboración dun plan de recuperación para actuar no terreo tras a extinción, pola súa magnitude e os danos que está a causar.
O incendio está a ter un grande impacto socioeconómico nos concellos afectados, dedicados sobre todo ao sector primario e ao turismo de natureza.
O 90 % do monte afectado está na Serra Norte. EFE/Nacho Izquierdo.