Publicador de contidos

Publicador de contidos

O incendio da Pobra do Brollón queima xa 600 hectáreas e ameaza núcleos de poboación en Quiroga

O incendio da Pobra do Brollón queima xa 600 hectáreas e ameaza núcleos de poboación en Quiroga

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazada no centro de mando, asegura que o lume "explosionou de forma convectiva", o que complicou as tarefas de extinción

O alcalde de Quiroga confirma que non houbo que lamentar danos en vivendas

Maquinaria pesada empregada na loita contra o incendio de Quiroga, na provincia de Lugo (EFE/Sxenick)
G24.gal 26/08/2025 09:00 Última actualización 26/08/2025 14:56

Tres incendios permanecen activos este martes en Galicia. Son os que afectan a parroquia de Abrence, no concello lugués da Pobra do Brollón, e os de Carballeda de Valdeorras e Avión, na provincia de Ourense.

Segundo a última actualización efectuada pola consellería do Medio Rural, o da Pobra do Brollón -declarado este luns ás 13:05 horas- queimou xa 600 hectáreas.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazada no centro de mando, asegura que o lume "explosionou de forma convectiva", o que complicou as tarefas de extinción. Segundo explicou no Bos días, os medios despregados na zona está facendo un bo traballo para conter as lapas. O obxectivo é "que quede no río Sil".

A Xunta decretou a situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, na Pobra do Brollón, e ás localidades de Conceado e San Pedro, no municipio veciño de Quiroga.

Os veciños saíron das súas vivendas de xeito preventivo polos seus propios medios durante as tarefas de extinción, mais polo de agora non se rexistraron confinamentos ou evacuacións relacionados con este lume.

Segundo o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, "levaron un susto", pero afortunadamente as lapas non afectaron as casas.

O director xeral de Defensa dos Montes, Manuel Rodríguez di que comezou a emitir focos secundarios como un demo cara á marxe esquerda do río Lor, ameazando casas.

Os numerosos medios que traballan na zona mostraban un precavido optimismo esta mañá sobre a evolución do lume. "Temos practicamente estabilizado o 70 por cento do perímetro e estámonos centrando en que non cruce o río Sil cara ao sur porque podería chegar a Ribas de Sil e á provincia de Ourense" di Ignacio Sánchez, xefe provincial de prevención de incendios de Lugo.

O lume estendeuse da Pobra do Brollón á xa castigada Quiroga polo incendio que a pasada semana cruzou o Sil dende Ourense. "Agora van 600 hectáreas, xa nos arderan 10.000. Esperemos que non sexa o mesmo senón non nos quedaría nada verde. A ver se nos acompaña a sorte e mañá xa non estamos falando disto" di José Luis Rivera, alcalde de Quiroga.

Na extinción do lume traballan 5 técnicos, 19 axentes, 23 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros, 10 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activos dous incendios en Ourense e extinguidos outros tres focos na provincia

Na provincia de Ourense son dous incendios os activos este martes. O de Casaio, situado no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, e o que afecta a parroquia de Nieva, no municipio de Avión.

O primeiro, activo desde as 18:42 horas do luns 18, afecta arredor de 4.700 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 48 axentes, 86 brigadas, 39 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.

No de Nieva, en Avión, mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 3 técnicos, 20 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 6 avións. Afecta unha superficie estimada de arredor de 150 hectáreas.

Ademais, a consellería do Medio Rural dá por extinguidos os incendios de Vilardevós-Moialde (1.102 ha); Riós-Fumaces e A Trepa (130,63 ha); e Riós-Trasestrada (33,52 ha). En Pontevedra, mentres, quedou extinguido o foco que queimou 72,17 ha na parroquia de Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa.

Incendios controlados e estabilizados

Segundo o balance feito público pola consellería do Medio Rural, permanecen estabilizados os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha); e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha).

A Xunta dá por controlados os focos de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha); Montederramo-Paredes (120 ha) e Carballedo- A Cova (100 ha).

A superficie queimada en agosto representa un 12 por cento da provincia de Ourense

A Xunta calcula que os incendios de agosto arrasaron 95.000 hectáreas en toda Galicia, o 3,26 % da superficie da comunidade autónoma. Delas, 86.000 afectan á provincia de Ourense, o 12 % do total da provincia.

O terreo queimado na provincia ourensá equivale a máis de 121.000 campos de fútbol de 105 por 68 metros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade