O HULA comeza a realizar probas diagnósticas de PET-TC
Esta tecnoloxía permite detectar tumores nas fases máis precoces e tamén se usa, por exemplo, para diagnosticar enfermidades neurodexenerativas
1.500 pacientes das áreas sanitarias de Lugo, Monforte e A Mariña xa non terán que desprazarse a Santiago ou á Coruña para facer esta proba
A de Lugo é xa a cuarta área sanitaria de Galicia en incorporar a tecnoloxía PET-TC. Requiriu dun importante investimento: máis dun millóns de euros para a adquisición do propio equipo e outro tanto para a construción e bunkerización das instalacións.
Trátase da tecnoloxía de medicina nuclear máis avanzada que existe neste momento, coa que se completa a carteira de servizos do departamento de medicina nuclear do HULA. Esta tecnoloxía hospitalaria de última xeración permite detectar lesións tumorais mesmo antes, din, de que ocupen espazo físico.
"Detecta actividade molecular nos tecidos onde se está facendo a proba e leva acompañado un TAC que localiza a zona", explica Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Utiliza isótopos radioactivos que teñen unha vida media curta, "por iso hai que programar moi ben a actividade. Ata agora estes isótopos producíanse fóra de Galicia e agora hai o ciclotrón, que é a unidade que os produce e chégannos pola mañá, ou a primeira hora da tarde, se a proba se fai pola tarde", continúa o doutor Ramón Ares. Os pacientes, inoculados cos isótopos, esperan sempre controlados, antes de facer a proba, que permite determinacións moi precisas.
"Isto o que nos permite é poder actuar dun xeito máis precoz, mesmo facer determinacións e poñerlle nome e apelidos moi concretos, cada vez máis específicos. A actividade que se está a facer en oncoloxía cada vez máis está dirixida a unha medicina de precisión con tratamentos moi específicos para o tipo de tumor ou tipo de lesión que se detecte", engadiu o xerente da Área Sanitaria de Lugo.
Pero as aplicacións do PET-TC chegan tamén ao ámbito das enfermidades endócrinas, neurodexenerativas e cardiovasculares. Unha capacidade diagnóstica que evitará cada ano que 1.500 pacientes de Lugo teñan que desprazarse á Coruña ou Santiago.