O home detido pola morte dun menor en Valencia pasará este martes á disposición xudicial
Os investigadores manteñen abertas todas as hipóteses
O home de 48 anos que se entregou este sábado no cuartel da localidade valenciana de Sueca e confesou que matara un neno de 13 anos, amigo do seu fillo, pasará este martes a disposición xudicial.
Antes de cumprir con este procedemento legal, a Garda Civil está á espera de coñecer os resultados da autopsia que se lle está facendo ao cativo falecido.
O cadáver, que presentaba varios golpes e coiteladas, apareceu na vivenda do detido, onde tamén estaba un dos seus fillos, da mesma idade co pequeno falecido.
Os investigadores manteñen abertas todas as hipóteses, tamén a posibilidade de que o detido non fose o autor material do crime e estivese encubrindo o seu fillo.
O Concello de Sueca decretou dous días de loito oficial polo que todas as bandeiras ondean a media hasta nos edificios públicos desta localidade valenciana.
Na escola onde estudaba a vítima activouse o protocolo de acompañamento para os alumnos e de asesoramento para o profesorado.