O gromo no colexio Franciscanos de Lugo obriga a suspender as clases de infantil
Din que se suspende a asistencia á clase por precaución, non porque haxa unha escalada de casos no colexio
En Galicia hai na actualidade máis de 1.300 positivos e un cento de unidades clausuradas

O gromo que afecta un colexio de Lugo desde hai máis de dúas semanas obriga ao confinamento do ciclo de infantil durante toda esta semana.
Malia que a dirección do colexio considera que non hai motivo de alarma, o certo é que esta medida se toma despois de detectar dous novos positivos, un deles o dunha profesora de apoio que rota por todas as clases.
Din que se suspende a asistencia á clase por precaución, non porque haxa unha escalada de casos neste colexio. Ao parecer, nun primeiro momento pensouse en pechar un total de seis aulas.
Fontes do centro subliñan que a situación deste colexio de Lugo non é moi diferente á doutros centros. Malia todo, agardan que non afecte á evolución do curso escolar, tendo en conta que entramos nunha época con menos días lectivos.
A situación neste colexio preocupa nas familias dos alumnos, que nalgúns casos levan semanas con moitos problemas para conciliar a vida laboral coa atención dos seus fillos. En Galicia hai na actualidade máis de 1.300 positivos e un cento de unidades clausuradas, a maioría delas en infantil e primaria.