O golazo de Paula Gutiérrez non evita a eliminación copeira do Deportivo Abanca
A Real Sociedade sufriu en Riazor pero acabou gañando por 1-4 cun dobrete de Edna Imade
O percorrido copeiro do Deportivo Abanca terminou nos oitavos de final. A Real Sociedade gañou en Riazor por un gol a catro e segue coa súa excelente temporada. As guipuscoanas, terceiras clasificadas na liga, foron superiores no inicio e lograron marcar no minuto oito logo dunha xogada da incisiva Cecilia Marcos que rematou Intza Egiguren. Semellaba que podía repetirse o guión do encontro de liga da pasada semana, no que a Real xogou a pracer. Pero malia o marcador final, a imaxe do Deportivo non foi mala. Tivo ocasións para empatar antes do lecer. A máis clara foi para Bárbara tras un pase de Millene. As visitantes aproveitaron o lecer para volver coa mesma forza do inicio do partido. E a gardameta Yohana tivo que aparecer en varias ocasións para enitar un cero a dous que acabaría chegando no minuto 58, logo dutra asistencia de Cecilia Marcos, neste caso aproveitada pola goleadora Edna Imade.
Pero tal e como sucedera no primeiro acto, o conxunto coruñés foi equilibrando o xogo e logrou meterse de cheo no encontro grazas a un golazo espectacular de Paula Gutiérrez no minuto 71. Gran disparo desde a distancia que superou á porteira Julia Arrula, que nos seguintes minutos foi decisiva para manter a vantaxe do seu equipo. Porque o Deportivo estivo a piques de empatar nunha acción de Millene. A intervención de Arrula frustrou á brasileira e deu paro a unha recta final na que as donostíarras sentenciaron o choque. Edna Imade, logo dun centro de Aiara, terminaba coas ilusións deportivistas no minuto 79. Con todo decidido, na última xogada do partido chegaba o excesivo un a catro nun córner rematado por Lucía Rodríguez. Así acababa a Copa para o equipo galego. As de Fran Alonso terán que centrarse na liga, que volve na segunda fin de semana de xaneiro.