Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno reúnese o luns coas autonomías para analizar o plan de aforro enerxético

O Goberno reúnese o luns coas autonomías para analizar o plan de aforro enerxético

Na xuntanza estarán finalmente dúas ministras: Teresa Ribera e Reyes Maroto

Para o presidente do Partido Popular, Núñez Feijóo, esta convocatoria é  "outra improvisación" a partir da do plan enerxético

A ministra de Industria, Reyes Maroto, asegura que a nova reunión vén motivada polo "ruído e a confusión" xerada polo PP.

G24.gal 07/08/2022 11:51 Última actualización 07/08/2022 15:24

O Goberno rectifica tras convocar un encontro exclusivamente técnico entre directores xerais para aclarar dúbidas e accede a celebrar este luns a conferencia sectorial de enerxía, industria e comercio cos máximos responsables autonómicos, como lle pedía o PP, molesto coa cita convocada en principio para o martes por Transición Ecolóxica.

Á reunión, que se celebrará por vía telemática, asistirán a vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Están convocados os conselleiros autonómicos desas áreas e a Federación Española de Municipios e Provincias.

Analizarán os detalles do decreto lei de medidas de sostibilidade, aforro e eficiencia enerxética para reducir a dependencia do gas natural na situación da guerra de Ucraína aprobado o luns pasado no consello de ministros.

Transición Ecolóxica explica que o obxectivo da reunión é "aliñar as políticas de aforro e eficiencia enerxética de todas as Administracións e reafirmar o compromiso de aforro dun 7 % do consumo enerxético adquirido por España ante a UE para facerlles fronte ás consecuencias socioeconómicas da guerra en Ucraína".

O encontro servirá para resolver dúbidas sobre o alcance  e aplicación das disposicións do real decreto, que entran en vigor ás 00:00 horas do mércores 10 de agosto.

O líder do PP, Núñez Feijóo, salientou que o goberno de Sánchez está improvisando sucesivamente:

"Ante un feito elemental e fundamental como é tomar medidas, non para unhas semanas, senón para uns meses, ou nin sequera para uns meses, senón para un ano medio, ata novembro do próximo ano, improvísase unha medida. Cóllese un helicóptero para posteriormente irse nun helicóptero e un vaise de vacacións, e agora, a 48 horas de iniciar as medidas, improvísase outra".

Desde o executivo central, a ministra Reyes Maroto contestáballe pouco despois a Feijóo:

"Foi o ruído, foi sobre todo a confusión que xeraron os dirixentes do Partido Popular os que nos motivaron a facer esta reunión para, insisto, clarificar que a norma está para cumprila, que as administracións públicas temos que ser exemplares no cumprimento da norma e garantir o cumprimento da norma".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar