O Goberno recalca que hai "algúns xuíces" que fan cousas "difíciles de entender"
"Este Goberno sempre defendeu e respectou a honestidade da gran maioría de xuíces e fiscais neste país, pero é absolutamente evidente que hai algúns xuíces que están a dar sinais un tanto difíciles de comprender", afirmou Pilar Alegría
Reiterou a "total confianza" do Goberno cara ao fiscal xeral do Estado e cara á Fiscalía no seu conxunto "polo magnífico labor que realizan perseguindo sempre o delito"
O PP pide no Senado a dimisión do fiscal xeral e do presidente do Goberno
A portavoz do Goberno, Pilar Alegría, criticou este martes que hai "algúns xuíces que están a facer cousas difíciles de entender", tras a decisión do Tribunal Supremo de procesar por un delito de revelación de segredos ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, a portavoz do Executivo expresou a "máxima confianza" do Goberno "na Xustiza, na honestidade e no bo traballo da gran maioría de xuíces e de fiscais neste país". Agora ben, continuou, "é evidente que a estas alturas hai algúns xuíces que están a facer cousas difíciles de entender con isto".
"Este Goberno sempre defendeu e respectou a honestidade da gran maioría de xuíces e fiscais neste país, pero é absolutamente evidente que hai algúns xuíces que están a dar sinais un tanto difíciles de comprender", abundou.
Reiterou a "total confianza" do Goberno cara ao fiscal xeral do Estado e cara á Fiscalía no seu conxunto "polo magnífico labor que realizan perseguindo sempre o delito". Ademais, a portavoz do Goberno negou "rotunda e categoricamente" que houbese instrucións por parte de Presidencia do Goberno á Fiscalía Xeral do Estado. "Isto non sucedeu nunca e lamentamos moito que o Tribunal Supremo fixera este tipo de afirmacións sen ningunha proba".
Neste sentido, destacou que no auto do xuíz do Supremo Ángel Hurtado non hai ningunha proba directa que determine que o fiscal xeral do Estado filtrase nada, mentres que existen "un número importante de declaracións" de xornalistas que afirmaron baixo xuramento que tiñan a información moitas horas antes e que non foi García Ortiz quen lla filtrou.
Con todo -lamentou-, "todos eses testemuños tiráronse directamente ao lixo ou non se tiveron en conta". Aínda así, lembrou que o auto non é firme e por tanto cabe recurso. "Máxima confianza cara ao fiscal xeral do Estado e cara á Fiscalía no seu conxunto e por suposto cara á presunción inocencia que sempre hai que ter en conta e máis, se me permite, neste caso".
Máis explícito foi o seu compañeiro de gabinete, Óscar López. O ministro para a Transición Dixital di que o auto de procesamento é "de aurora boreal" e avisa sobre a mensaxe que se envía. Di López que calquera delincuente "pode pensar que denunciando a quen o persigue vai ter éxito".
Para o Partido Popular a actitude do Goberno demostra que "lle deben favores", en palabras de Miguel Tellado. Os de Feijóo están convencidos de que Pedro Sánchez "está no allo". O presidente do Goberno comparecerá no Congreso en xullo, tralo cumio europeo de finais de mes e, previsiblemente, de Leire Díez e o fiscal xeral.
Neste caso, o Goberno si conta co respaldo dos socios de coalición pero tamén doutros aliados coma Podemos. Dúas das tres asociacións de fiscais, piden a súa renuncia. A que sae na súa defensa é a Unión Progresista de Fiscais, da que García Ortiz foi voceiro. O fiscal xeral está procesado por revelación de segredos. Enfróntase a penas de cárcere e inhabilitación para cargos públicos.