Publicador de contidos

Publicador de contidos

Facenda propón ceder ás autonomías o 55 % do IRPF e o 56,5 % do IVE

Facenda propón ceder ás autonomías o 55 % do IRPF e o 56,5 % do IVE

O novo modelo reportará ás comunidades autónomas preto de 21.000 millóns de euros máis en 2027

Galicia conseguiría 587 millóns máis con esta reforma, que será presentada ás CC. AA. nun Consello de Política Fiscal convocado para o mércores 14 de xaneiro

A Xunta critica que o Goberno negocie con Esquerra un modelo de financiamento "con recursos de todas as comunidades"

A vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, chega á comparecencia de prensa en que presenta a proposta do novo modelo de financiamento autonómico (EFE/ Zipi Aragon)
G24.gal 09/01/2026 08:30 Última actualización 09/01/2026 14:58

O Goberno presentou a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico, que reportará ao conxunto de comunidades de réxime común 20.975 millóns de euros máis en 2027 que se o modelo actual. 

A maior parte (15.756 millóns) procederá de elevar a parte da recadación do IRPF e o IVE que o Estado cede ás comunidades autónomas, que pasaría do 50 % actual ao 55 % e o 56,5 %, respectivamente. 2.084 millóns virán do IVE das pemes; 1.004 millóns do novo fondo climático e 404 millóns do mecanismo de 'statu quo'.

Son algunhas das novidades que contempla a proposta de reforma presentada este venres ante os medios de comunicación por parte da vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero. 

En total, o novo sistema achegará ás comunidades (todas menos Navarra e País Vasco) uns 224.507 millóns de euros, máis dun 47 % máis que os 152.484 millóns de 2023, que é o último exercicio liquidado.

Montero presentará ás comunidades autónomas a reforma do actual modelo de financiamento autonómico nun Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) convocado para o mércores da próxima semana. Estas son as principais novidades:

Increméntase a recadación do IRPF e do IVE destinado as comunidades autónomas

A vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, avanzou este venres que o novo sistema de financiamento autonómico achegará uns 16.000 millóns de euros adicionais ás rexións en 2027, grazas á cesión dunha maior parte da recadación de IRPF e IVE. 

Na proposta presentada polo Goberno pasarase do 50 % actual ao 55 % e o 56,5 %, respectivamente.

Máis impostos na cesta de tributos cedidos e posibilidade de recadar en tempo real

Ademais, incorpóranse á cesta de tributos cedidos o imposto de patrimonio, o de depósitos bancarios, o de actividades do xogo e o de residuos, cuxos ingresos xa se destinan ás rexións, pero que agora formarán parte da repartición do sistema.

As comunidades poderán renunciar ao actual sistema de entregas a conta (polo que reciben unha serie de anticipos en función das previsións de recadación e os desvíos liquídanse dous anos despois) para pasar a recadar en tempo real, igual que ocorre co Estado.

Isto permitiría ás rexións obter todos os recursos que lles corresponden en tempo real, sen ter que esperar dous anos para obter fondos adicionais cando a recadación supera as previsións nin ter que devolver parte das entregas a conta cando as previsións foron demasiado optimistas.

Límites ao dumping fiscal

Montero avanzou a vontade do Goberno de avanzar cara a un novo modelo de xestión tributaria "en rede", de maneira que as axencias tributarias estatal e autonómicas traballen de maneira conxunta, o que melloraría a loita contra a fraude e facilitaría a cesión de competencias ás rexións que o desexen.

En paralelo, o Goberno pretende ampliar as competencias normativas das comunidades autónomas, aínda que cun "límite" o dumping fiscal que, ao seu xuízo, están a acometer algunhas comunidades autónomas como Madrid, polo que tentará introducilo no novo modelo de financiamento.

"Non ten sentido que esteamos a facer desde o Goberno de España esforzos extraordinarios para dotar de maiores recursos aos territorios e que logo os territorios baixen os impostos na parte que lles corresponde quedándose sen recadar unha parte importante da eficacia que teñen determinadas figuras tributarias", agregou. 

A distribución dos recursos por territorios: Galicia, a novena comunidade máis beneficiada

A ministra de Facenda explica que o modelo pretende blindar os servizos públicos e rematar coas diferenzas entre os territorios. María Jesús Montero deu un dato: no actual modelo a diferenza per cápita por habitante entre a comunidade que máis cartos recibe e a que menos é de 1.500 euros por habitante.

Con este novo modelo, Andalucía (4.846 millóns máis), Cataluña (4.686 millóns) e a Comunidade Valenciana (3.669 millóns.) serían as tres comunidades autónomas que máis incrementarían os seus recursos en 2027. A Comunidade de Madrid incrementaría os seus recursos en 2.555 millóns e Galicia recibiría 587 millóns máis que co actual repartimento, segundo avanzou na Coruña, o delegado do Goberno en Galicia.

A nosa sería a novena comunidade máis beneficiada. No extremo oposto sitúanse Estremadura, cun incremento de 216 millóns de euros, e Cantabria, con 46 millóns.

"É inxustificable que haxa diferenzas tan importantes entre os recursos por habitante axustado entre unha comunidade e outra", afirma. "Acurtar a marxe entre a máis financiada e a que menos é o que permite garantir a igualdade de servizos en todas as comunidades autónomas".

A Xunta critica que o Goberno negocie con Esquerra un modelo de financiamento "con recursos de todas as comunidades"

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, criticou que o Goberno negocie un novo modelo de financiamento "cos recursos de todas as comunidades", pero "só cunha parte", e logo "trate de estendelo" ás demais.

Corgos dixo que é "temperán" para facer unha "valoración informada" do sistema que expón o Executivo central, debido a que só se dispón da información presentada "nun PowerPoint" pola ministra.

Con todo, el volveu a insistir en que, ao seu xuízo, primeiro o Goberno tería que convocar o grupo de traballo para explicar a súa proposta "con papeis e números" para que despois as comunidades poidan pronunciarse.

"De novo o modus operandi é o mesmo que coa condonación da débeda. O Goberno pacta un sistema, neste caso cun grupo con Esquerra Republicana, e téntao extrapolar ao resto de comunidades. Está a negociar cos recursos de todas as comunidades só cunha parte e logo trata de estendelo aos demais", insistiu, apostilando que "esa non é forma de facer as cousas".

 

A pesar disto, confirmou que o Executivo galego asistirá ao CPFF para analizar todos os datos e formular as súas propostas de mellora.

O PP rexeita o acordo entre Sánchez e Junqueras: "É unha patada á igualdade de España"

O vicesecretario de Política Autonómica, Local e Análise Electoral do PP, Elías Bendodo, criticou o acordo entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder de ERC, Oriol Junqueras, do novo financiamento autonómico: "É unha patada á igualdade e a unidade de España".

Díxoo este venres nun acto na Coruña, onde esta fin de semana celébrase a 28ª Interparlamentaria do PP, e lamentou que "o gran problema dos españois" é Pedro Sánchez, que dedica "o 95 % do seu tempo "a defender ao seu partido da corrupción".

Críticas duras tamén do presidente socialista de Castela-A Mancha. Emiliano García-Page prefire eleccións "antes de que avance un atropelo desta natureza". En Cataluña si se celebra o acordo. O seu presidente, Salvador Illa, apela a Junts para que non bloquee a reforma no Congreso e sexa "responsable".

O BNG rexeita a proposta por "insuficiente, centralista e lesiva" para Galicia

O Bloque Nacionalista Galego rexeitou a proposta presentada este venres pola vicepresidenta e ministra de Facenda por "insuficiente, centralista e lesiva" para Galicia.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego considera que "non é nin sequera un punto de partida para abordar un cambio real que corrixa o infrafinanciamento que sofre" a súa comunidade, para a que defende un novo modelo baseado no concerto económico.

Rego tachou a proposta de Montero de "un exercicio de maquillaxe do modelo actual, que non supón unha verdadeira reforma nin un cambio de paradigma". "Non estamos diante dun novo sistema de financiamento, senón do mesmo modelo centralista e centralizado con pequenos retoques", subliñou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade