Feijóo pídelle a Sánchez que "dea a cara" ante a traxedia de Adamuz
O líder do PP solicita que o presidente do Goberno compareza no Congreso, e de non facelo forzarán que vaia ao Senado
Bolaños: "Sería moi positivo que todas as administracións públicas e as formacións políticas sigan actuando con respecto porque é o que merecen as vítimas"
O PP cre que o loito polo sinistro de Adamuz non pode tapar as responsabilidades. E di que co paso dos días as explicacións do Executivo non chegan e a confusión é maior.
"Non aclararon nada importante do sucedido, están a fomentar as dúbidas e a inquedanza da poboación", dixo o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, que foi crítico tamén con Pedro Sánchez: "Se cada vez que a nación sofre el desaparece, para que está?".
O líder dos populares acusou a Sánchez de desaparecer e ao Goberno de xerar caos e confusión ao non esclarecer "case nada" desta traxedia ferroviaria.
"O estado das vías é reflexo do estado da nación", apuntou o líder popular na súa primeira comparecencia pública tras os tres días de loito nacional e despois dunha reunión da cúpula popular co expresidente de Renfe Pablo Vázquez e diferentes expertos en xestión ferroviaria.
O líder do PP pediu que dea "a cara" quen ten "a máxima responsabilidade", é dicir, o presidente do Goberno. Neste sentido esixiulle comparecer a semana que vén no Congreso, nun pleno extraordinario que os populares pediron o xoves.
Se non acepta comparecer, advertiu, nas próximas horas convocarase un pleno extraordinario no Senado, onde o PP ten maioría.
Desde o Goberno insisten en pedir lealdade institucional e altura de miras aos demais partidos políticos en relación co accidente ferroviario de Adamuz.
O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, asegurou que sería "moi positivo que todas as administracións públicas e as formacións políticas sigan actuando con respecto porque é o que merecen as vítimas e sen dúbida o que queremos facer desde o Goberno", asegurou Bolaños desde Nicosia, onde participa nunha reunión informal de ministros de Xustiza e Interior.