Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno pide a Delcy Rodríguez a liberación dos presos políticos españois

O Goberno pide a Delcy Rodríguez a liberación dos presos políticos españois

O Goberno de España confirmou que catorce persoas de nacionalidade española permanecían detidas "arbitrariamente" en cárceres de Venezuela, a maioría con dobre nacionalidade e nadas ou residentes nese país

REUTERS/Leonardo Fernandez Viloria REUTERS/Leonardo Fernandez Viloria
G24.gal 06/01/2026 12:55

O Goberno español pediulle á nova presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, a liberación inmediata dos "presos políticos" españois nese país.

A xestión realizouse tras asumir o poder en Venezuela a que era ata o de agora vicepresidenta da República, segundo adiantou o xornal El Español e confirmaron a EFE fontes do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Rodríguez xurou o luns o cargo ante a Asemblea Nacional despois de Nicolás Maduro fora apresado polas forzas norteamericanas e levado aos Estados Unidos, onde está acusado de narcotráfico e outros delitos.

O Goberno español, moi crítico coa intervención militar estadounidense, xa anunciou onte por medio do ministro de Exteriores, José Manuel Albares, que se dispoñía a falar con Delcy Rodríguez. España ten distintos intereses en Venezuela, tamén empresariais, ademais dunha colonia dunhas 150.000 persoas.

O Executivo así mesmo anunciou que seguirá mantendo a interlocución coa oposición venezolana para conseguir un diálogo que posibilite a estabilidade no país.

O Goberno de España confirmou que catorce persoas de nacionalidade española permanecían detidas "arbitrariamente" en cárceres de Venezuela, a maioría con dobre nacionalidade e nadas ou residentes nese país.

En setembro de 2025, o Comité pola Liberdade dos Presos Políticos (CLIPP) e o partido Venche Venezuela mencionaron a existencia de arredor de vinte cidadáns españois entre os encarcerados por motivos políticos.

Un dos últimos casos é a detención de José María Basoa e Andrés Martínez Adasme en setembro de 2024, acusados de pertencer aos servizos secretos españois e planear un atentado contra Maduro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade