Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno de Ferrol afronta unha reorganización tras da marcha dunha concelleira

O Goberno de Ferrol afronta unha reorganización tras da marcha dunha concelleira

O alcalde admite discrepancias no seo do executivo municipal pero atribúe a marcha ao cansazo de Maite Deus

G24.gal 02/02/2023 14:45

A menos de catro meses das eleccións municipais, o Goberno local de Ferrol terá que reorganizarse. Maite Deus, a responsable de Economía, Emprego e Recursos Humanos, renuncia ao seu cargo. Faino, segundo xustifica nunha carta enviada ao alcalde, para deixar paso a outros compañeiros.

"Leva moito tempo facendo un traballo moi intenso e áreas moi complexas. Non se vía capaz e non vou entrar na súa decisión porque humanamente non podo", di o alcalde Ángel Mato.

O rexedir recoñece discrepancias internas no grupo, pero limita a marcha a unha situación persoal da que fora a súa número dous. "No seo dun goberno hai moitos momentos para ter discrepancias. Con ela e con todos os concelleiros".

Desde a oposición, o Partido Popular di que o concello afronta unha crise de goberno nunha cidade paralizada. "Ferrol leva en crise de goberno oito anos e iso provoca a paralización da administración", asegura José Manuel Rey.

Desde a dirección do Partido Socialista de Galicia réstanlle importancia a esta crise de goberno. "Ferrol vive a etapa máis florecente da súa historia", cre Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG.

Esta recomposición municipal en Ferrol vén sumarse á situación de Santiago, con dúas crises de goberno nos últimos meses. E tamén na Coruña onde a alcaldesa Inés Rey tivo que asumir a Concellería de Deportes tras da marcha da concelleira Mónica Martínez e os seus colaboradores máis próximos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade