O Goberno declara a emerxencia nacional en Madrid e Ávila polos graves incendios
Os lumes obrigaron a desaloxar unhas 11.500 persoas entre ambos os dous territorios
O ministro do Interior asume a dirección e coordinación das actuacións necesarias e a xestión de todos os recursos estatais, autonómicos e locais que deban empregarse nesas dúas comunidades autónomas
Bruxelas mobiliza catro avións desde Grecia e Italia para a loita contra incendios en España
O Goberno declarou este xoves á noite a emerxencia nacional e pediulle axuda á Unión Europea pola gravidade dos incendios forestais que afectan á Comunidade de Madrid e á provincia de Ávila (Castela e León) e obrigaron a desaloxar unhas 11.500 persoas entre ambos os dous territorios. A Comisión Europea xa confirmou que se mobilizarán catro avións desde Grecia e Italia para axudar o operativo contra o lume.
Na Comunidade de Madrid foron evacuadas máis de 10.000 persoas debido a tres incendios, dous deles fóra de control: un en Villa del Prado, con afectación a Aldea del Fresno; outro en San Martín de Valdeiglesias, con afectación a Pelayos de la Presa, e outro en Almorox (Toledo), que se atopa en fase de estabilización.
En Ávila, o incendio que se declarou o mércores en Burgohondo obrigou a desaloxar 1.500 persoas dun núcleo de turismo rural e unha urbanización do municipio de El Tiemblo.
Trátase dos incendios máis críticos que afronta o país hoxe por hoxe, despois de que o lume de La Mierla (Guadalaxara), que queimou 32.000 hectáreas e aínda permanece activo, mostrase unha evolución favorable que permitiu aos primeiros veciños volver a algúns dos 34 municipios que foron evacuados.
Como consecuencia da declaración de emerxencia nacional, o ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska asume a dirección e coordinación das actuacións necesarias fronte aos incendios referidos e a xestión de todos os recursos estatais, autonómicos e locais que deban empregarse nesas dúas comunidades autónomas.
A dirección operativa da emerxencia quedou encomendada ao xefe da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Fontes de Interior explicaron que a decisión se adoptou debido á concorrencia destes incendios, xunto cunhas condicións meteorolóxicas especialmente adversas e a necesidade de mobilizar un importante volume de recursos de distintas administracións públicas; eses factores incrementaron a complexidade dos labores de extinción e de protección civil.
Sete municipios desaloxados, estradas cortas e buses interrompidos en Madrid
Segundo fontes do Goberno rexional madrileño, esta comunidade autónoma vive unha situación crítica, con tres incendios de extrema gravidade activos, ningún deles controlado, que motivaron a evacuación de máis de 10.000 persoas de sete municipios. As localidades de Villa del Prado, San Martín de Valdeiglesias, Pelayos de la Presa e Aldea del Fresno permanecen confinadas, igual que Chapinería, Colmenar del Arroyo e Navas del Rey desde este venres.
O delegado do Goberno en Madrid, Francisco Martín, informou en Cenicientos da medida tras a primeira reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado (CECOPI), celebrada unha vez que o Goberno de España asumiu a dirección da emerxencia ao declararse o nivel 3 do Plan Estatal de Protección Civil.
Segundo detallou Martín, os incendios forestais declarados en San Martín de Valdeiglesias e Villa del Prado están a piques de fundirse nunha única fronte que avanza cara a Navas del Rey, polo que se enviará unha mensaxe de alerta Es-Alert para ordenar a evacuación inmediata dos tres municipios.
Ademais, varios tramos de cinco estradas autonómicas (M-507, M-540, M-501, M-541 e M-206) atópanse cortados ao tráfico na rexión madrileña como consecuencia destes incendios e este venres quedará suspendido temporalmente na Comunidade de Madrid o servizo de cinco liñas interurbanas.
A Comunidade de Madrid mobilizou nove autobuses interurbanos do Consorcio Rexional de Transportes (CRTM) para colaborar cos servizos de emerxencia nos labores de evacuación e traslado e informou de que mantén un seguimento permanente da situación nas residencias e centros de atención social situados nas zonas afectadas polos incendios.
Tamén indicou que o Servizo Madrileño de Saúde (SERMAS) conta con polo menos seiscentas camas hospitalarias dispoñibles ante posibles necesidades de evacuación ou derivación relacionadas cos incendios e activou a coordinación con todos os hospitais e centros sanitarios para garantir a capacidade de resposta.
O incendio de Ávila avanza con virulencia
En Castela e León hai dez incendios forestais activos, pero varios deles evolucionaron de forma favorable durante este xoves e rebaixáronse os niveis de gravidade nos lumes de Rábano de Aliste (Zamora), Retortillo (Soria), xa sen confinamentos nin desaloxados, e o de Castropodame (León).
Con todo, as autoridades mostraron a súa preocupación polo incendio en Burgohondo (Ávila), que avanza de forma virulenta.
Este incendio, que se declarou o pasado mércores, obrigou a desaloxar 1.500 persoas nun núcleo de turismo rural e unha urbanización do municipio de El Tiemblo, ante o avance dunhas chamas a unha velocidade de 3 quilómetros en 40 minutos.
Alén das evacuacións, incluídos dous cámpings e un núcleo de turismo rural, e o confinamento de Burgohondo, Navaluenga e El Tiemblo, as chamas penetraron na Reserva Natural do Val de Iruelas, un dos espazos máis singulares da provincia, onde habita unha das principais colonias de voitre negro de Europa, que foi practicamente arrasado.
O último día da actual onda de calor presenta tamén incendios noutras zonas de España, como en La Cerollera (Teruel) e en Huelva, onde se deu por sufocado o lume que se iniciou nun lugar de Alosno, e tamén se estabilizou o que comezou o martes nel Cerro do Andévalo e os 380 desaloxados poden volver ás súas casas.
Bruxelas mobiliza catro avións desde Grecia e Italia para a loita contra incendios en España
A Comisión Europea anunciou este venres que mobilizou catro avións Canadair, dous desde Grecia e dous desde Italia, para axudar a combater os incendios en España.
"Mobilizamos catro avións e as imaxes dos satélites de Copérnico están a apoiar a resposta sobre o terreo. Estes avións estaban posicionados en Grecia e en Italia e despregaranse agora en España para axudar", dixo a portavoz comunitaria encargada de Protección Civil, Anna-Kaisa Itkonen, na conferencia de prensa diaria da Comisión Europea.
O Goberno español activou o xoves pola noite o Mecanismo Europeo de Protección Civil para solicitar máis recursos contra o lume aos seus socios comunitarios por mor dos incendios activos no centro do país, que preocupan especialmente.
A pedimento da Unidade Militar de Emerxencias (UME) activouse o mecanismo europeo de resposta, e requiríronse polo menos catro medios aéreos de extinción de á fixa.
Durante este venres está previsto que se celebre unha reunión preparatoria desa despregadura.
Ante a evolución dos incendios que afectan a comunidades como Madrid e Castela e León, o presidente do Goberno Pedro Sánchez presidiu este venres unha reunión do Comité Estatal de Coordinación e Dirección do Plan Estatal de Emerxencias (CECOD) para avaliar a situación.