Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo aplica por vez primeira a amnistía a oito condenados do procés

O Supremo aplica por vez primeira a amnistía a oito condenados do procés

Un dos beneficiados da medida de gracia é o expresidente do Parlament Roger Torrent

O Alto Tribunal  declara extinguida a eventual responsabilidade penal deses oito condenados

G24.gal 24/07/2026 17:08

 O Tribunal Supremo aplicou por primeira vez a lei de amnistía a oito acusados por delitos de desobediencia ou de desordes públicas, entre eles ao expresidente do Parlament catalán Roger Torrent, por actos relacionados co procés ou coas protestas pola sentenza pola que foron condenados os seus responsables.

A Sala do Penal do Supremo adoptou esta decisión en catro autos distintos que fixo públicos este venres e nos que declara extinguida a eventual responsabilidade penal deses oito condenados.

Esta decisión prodúcese unha semana despois de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciase que a lei de amnistía axústase ao dereito comunitario, ao considerar que non afecta os intereses financeiros comunitarios nin contravén a lexislación europea sobre terrorismo, ao ter en conta que "facilita a reconciliación".

Un dos amnistiados é o expresidente do Parlament catalán Roger Torrent, que foi condenado xunto aos que eran membros da Mesa do Parlament Josep Costa i Rosellló, Eusebi Campdepadrós e Adriana Delgado Herreros por un delito de desobediencia relacionado co procés.

Tamén foron amnistiados dous acusados de participar nos disturbios da madrugada do 19 de outubro do 2019 na capital xerundense, xunto a outras trescentas persoas, durante as mobilizacións contra a sentenza do procés e aos que a Audiencia de Xirona condenou a un ano e medio de prisión.

En 2024 a Sala do Penal do Tribunal Supremo ditou un auto no que levou por primeira vez a lei de amnistía ante o Tribunal Constitucional. Esta decisión enmarcouse no recurso destes dous condenados por desordes públicas por haber lanzaron lastras contra a sede dos xulgados de Xirona tras a sentenza do procés, en 2019.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade