Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno de Israel aproba o plan de Netanyahu para ocupar a Cidade de Gaza

O Goberno de Israel aproba o plan de Netanyahu para ocupar a Cidade de Gaza

O Executivo hebreo non aclara que sucederá co resto da franxa a pesar de que o primeiro ministro declarara a súa intención de estender a operación a todo o enclave palestino

Hamas advirte a Israel de que expandir a súa ofensiva significa "sacrificar" os reféns

(Reuteres/Amir Cohen)
EFE 08/08/2025 08:03 Última actualización 08/08/2025 22:28

O Gabinete de Seguridade do Goberno de Israel deu luz verde na madrugada deste venres a un plan militar proposto polo primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, para ocupar a Cidade de Gaza, ao norte do enclave palestino.

Tras unhas dez horas de reunión, o Goberno israelí difundiu un comunicado onde se expón o plan de Netanyahu para "derrotar a Hamas", que inclúe ocupar a Cidade de Gaza, sen aclarar que sucederá co resto do enclave a pesar de que o primeiro ministro declarara a súa intención de estender a operación a toda a Franxa antes de empezar a sesión de debate co gabinete.

"As Forzas de Defensa Israelís (FDI) prepararanse para tomar o control da Cidade de Gaza á vez que garantir a provisión de axuda humanitaria á poboación civil fóra das zonas de combate", concreta o comunicado.

O Goberno tamén asegura que o gabinete adoptou "por maioría de votos" cinco principios para terminar a guerra: desarmar Hamas, o regreso de todos os reféns con ou sen vida, a desmilitarización da Franxa de Gaza, o control israelí da seguridade na Franxa de Gaza e o establecemento dunha "administración civil alternativa" para o enclave que non sexa nin de Hamas nin da Autoridade Palestina, que actualmente goberna en partes da Cisxordania ocupada.

En declaracións á cadea Fox anteriores á reunión do gabinete, Netanyahu afirmou que o seu obxectivo era ocupar toda Gaza, pero que non pretende quedar con ela nin gobernala, senón manter un "perímetro de seguridade" e entregala a "forzas árabes que a gobernen" sen ameazar a Israel e sen Hamas.

Segundo o comunicado, na reunión descartouse un "plan alternativo" ao considerarse que "non lograría nin a derrota de Hamas nin o regreso dos reféns". Sen máis alusións oficiais, medios israelís recollen que este plan chegaría do xefe do Estado Maior do Exército israelí, Eyal Zamir, quen xa se enfrontou a Netanyahu ao expresar o seu rexeitamento para ocupar toda a Franxa.

Nos últimos días, os principais medios do país filtraron a intención de Netanyahu de expandir a ofensiva ás zonas onde se cre que están os reféns nun plan de varias fases. Na primeira delas, as tropas ocuparían Cidade de Gaza e forzarían o desprazamento do millón de gazatís que se concentran nesta urbe do norte á zona de Mawasi (sur), abarrotada xa de desprazados.

Posteriormente, Israel buscaría facerse co control nunha segunda fase dos campamentos de refuxiados do centro da Franxa, lugares nos que as incursións das tropas foron limitadas. En todos eses puntos, Israel estima que se atopan reféns vivos.

A información oficial difundida polo Goberno israelí, con todo, non confirma ningunha acción máis que a de tomar a Cidade de Gaza.

As milicias palestinas aínda reteñen a 50 prisioneiros, dos que só unha vintena seguirían con vida, segundo Israel.

A ONU advertiu o mércores de que se Israel pon en marcha este plan haberá "consecuencias catastróficas" para a poboación gazatí. 

O líder da oposición israelí afirma que a decisión sobre Gaza é "un desastre"

O líder da oposición israelí, Yair Lapid, afirmou este venres que a decisión do Goberno israelí de avanzar a súa ofensiva en Gaza e ocupar Cidade de Gaza "é un desastre que conducirá a moitos máis desastres".

Lapid afirma na súa conta de X que a decisión do Executivo israelí está "en completa contradición coa opinión do Exército e dos funcionarios de seguridade" e que non ten en conta "o desgaste e o esgotamento das forzas combatentes".

O líder da oposición opina que os dous ministros ultranacionalistas e colonos israelís -o de Finanzas, Bezalel Smotrich, e o de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir- arrastraron o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, a unha decisión que "levará meses" e "conducirá á morte dos reféns e de moitos soldados".

Ademais, asegura que este plan "custará aos contribuíntes israelís decenas de miles de millóns e conducirá a un colapso político".

"Isto é exactamente o que Hamas quería: que Israel quedase atrapado nun territorio sen obxectivo, sen definir o panorama para o día seguinte, nunha ocupación inútil que ninguén entende onde conduce", asegura.

Pola súa banda, unha das principais figuras da oposición, o dereitista secular Avigdor Liberman, dixo na súa conta de X que a decisión do gabinete "demostra que se están tomando decisións de vida ou morte en oposición ás consideracións de seguridade e os obxectivos da guerra".

Mentres, o líder da esquerda, Yair Golan, dixo á radio do Exército que o plan será un "desastre durante xeracións". "Os nosos fillos e netos seguirán patrullando os canellóns de Gaza, pagaremos miles de millóns ao longo dos anos, e todo isto por motivos de supervivencia política e visións mesiánicas", denunciou.

Nove detidos nas protestas contra o plan de Netanyahu

Miles de persoas congregáronse este xoves en varias cidades de Israel para protestar contra o plan para profundar a ofensiva en Gaza, pedindo un cesamento do fogo que permita que Hamas libere aos reféns que quedan na Franxa.

A Policía israelí detivo na noite do xoves a nove persoas en Tel Aviv durante as protestas. Segundo un comunicado da Policía, os manifestantes cortaron unha vía en Tel Aviv durante unha marcha ilegal e desobedeceron as ordes policiais a negarse a saír dela.

As familias dos reféns israelís en Gaza, pola súa parte, denunciaron a imprudencia deste plan para ocupar a Cidade de Gaza, e volveron esixir un acordo con Hamas para que libere os seus seres queridos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade