Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno cuantifica co sector os danos da veda á pesca de fondo para sumar ao recurso

O Goberno cuantifica co sector os danos da veda á pesca de fondo para sumar ao recurso

O ministro Planas destaca a dificultade de calcular o alcance da prohibición e di que están a realizar unha secuencia da actividade dos días que leva en vigor o regulamento 

"Os barcos están a tentar adaptarse e é imposible facer un cálculo do custo", di Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías: "Borráronnos o mapa"

Barco amarrado no porto de Burela (EFE/Eliseo Trigo) Barco amarrado no porto de Burela (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 21/10/2022 11:30 Última actualización 21/10/2022 11:47

O Goberno español canda ao sector do mar está a cuantificar os danos da veda á pesca de fondo imposta pola Comisión Europea en determinadas zonas do Atlántico para sumalo á argumentación do recurso xudicial que vai presentar ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Así o manifestou este venres o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, antes da inauguración da undécima asemblea da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP), celebrada en Madrid.

Planas resaltou a dificultade de calcular o alcance da prohibición de pescar nesas zonas e sinalou que están a realizar unha secuencia da actividade dos días que leva en vigor o regulamento comunitario, motivo de preocupación para o sector polas menores capturas que pode supoñer.

"Este tamén é un argumento para identificar o dano e é suficiente para xustificar o recurso", sostivo o titular de Pesca do Goberno Español.

A pesca de fondo a máis de 400 metros de profundidade está prohibida en 87 zonas do Atlántico nororiental desde o 9 de outubro, cando entrou en vigor o regulamento da Comisión Europea.

Planas insistiu en que hai "bos argumentos" para recorrer, posto que a Comisión Europea "utilizou datos científicos non actualizados cando dispoñía de datos máis recentes e non tivo en conta as consecuencias económicas e sociais", á vez que criticou a súa "deficiente" interlocución.

O presidente da FNCP, Basilio Otero, destacou que actualmente "os barcos están a tentar adaptarse e é imposible facer un cálculo do custo", porque antes cada barco sabía en cada momento onde podía ir pero agora "borráronos o mapa".

O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés) ten previsto publicar un novo informe científico en decembro que podería achegar novidades sobre a situación deses ecosistemas mariños. Non obstante, non se agarda que ata a primavera se poida revisar o regulamento.

Planas apuntou que outros países da UE pódense sumar á demanda xudicial exposta por España e engadiu que o recurso que anunciou a frota do porto de Burela é "complementario" á acción do Goberno español. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade