O Goberno asegura que non haberá un límite xeral para a contratación temporal
Calviño avanza que presentarán unha nova proposta para reducir a temporalidade
Traballo di que non hai necesidade de fixar porcentaxes máximas
Bildu pide a derrogación total da reforma laboral para apoiar os orzamentos
A negociación da reforma laboral toma un novo camiño. O Goberno retira a proposta de Yolanda Díaz de limitar os contratos temporais nas empresas ao 15%, e abre a porta a outras fórmulas para controlar a temporalidade. A ministra Nadia Calviño anunciou que levará un documento novo á próxima reunión do diálogo social, coas achegas de varios ministerios.
"Do Ministerio de Inclusión, do de Educación, de Economía, de Facenda.... todos fixeron achegas para esas próximas reunións. Trátase dunha negociación que está aberta e que vai evolucionando", asegura a vicepresidenta primeira do Goberno.
Calviño advirte que é necesario aprobar a reforma laboral este ano para recibir os 12.000 millóns de fondos europeos. O Goberno pretende flexibilizar os termos da negociación para superar os atrancos coa patronal, coa que as posturas están moi afastadas.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE, di que "están enriba da mesa cousas que Europa non está pedindo"
A patronal insiste en que non vai aceptar unha derrogación da reforma laboral. A propia Yolanda Díaz asume agora que é tecnicamente imposible.
"Imos propiciar a maior reforma do mercado de traballo en España. Hai cousas que imos derrogar, e outras que imos lexislar de novo", di a vicepresidenta segunda.
A matización non caeu ben nalgúns partidos que apoiaron a investidura. Bildu advertiulle este xoves ao Goberno que lle retirará o apoio se non hai unha derrogación total da reforma laboral de 2012.