O Goberno aprobará finalmente este venres a limitación do prezo do gas
Un Consello de Ministros extraordinario aprobará a medida, coa que prevé unha baixada da factura eléctrica de ata un 30 %
A Comisión Europea deu vía libre ao mecanismo hispano-portugués
O Goberno celebrará o vindeiro venres un Consello de Ministros extraordinario en que aprobará o mecanismo para limitar o prezo do gas destinado á produción eléctrica, segundo informou este martes a ministra portavoz do Executivo Isabel Rodríguez.
"Estamos a traballar intensamente cos nosos colegas portugueses. Temos todo o mecanismo definido e acomodamos as distintas peticións que nos fixo a Comisión Europea. Estamos a esperar a que sexan coincidentes as decisións de ambos os Gobernos para aprobalo de forma paralela e que entre en vigor", dixo.
Durante a conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros deste martes, Rodríguez repasou os fitos do mecanismo, un acordo "moi importante" que non só beneficiará os consumidores españois ao rebaixar a factura eléctrica "ata nun 30 %", senón tamén "os veciños portugueses".
"Aprobarase esta semana, pero non puido facerse hoxe. Farémolo o vindeiro venres, nun Consello de Ministros extraordinario", engadiu a portavoz do Goberno.
Á última hora da tarde deste luns, Bruxelas aclaraba que a Comisión Europea aínda non adoptara ningunha decisión "formal" acerca da proposta ibérica exposta por España e Portugal e que seguía en contacto coas autoridades de ambos os países sobre o deseño da medida.
A dita apreciación producíase despois de que o primeiro ministro portugués António Costa anunciase que xa contaban co visto e prace para poñer este teito máximo ao prezo do gas e que estaban a traballar conxuntamente con España para poder aprobar a lexislación este mesmo martes.
Con todo, unha portavoz do Executivo comunitario matizou que o que os servizos de Competencia da Comisión Europea trasladan a Madrid e Lisboa era unha "análise preliminar" e que aínda había información pendente, pero que esperaba que a notificación formal chegase "pronto".
En concreto, Bruxelas enviou ás dúas capitais unha "carta de conformidade" en que as autoridades comunitarias garanten que darán o seu visto e prace definitivo se a normativa final que se aprobe no Consello de Ministros se axusta ao notificado, engadiron fontes diplomáticas.
España e Portugal anunciaron o pasado 26 de abril que chegaran a un "acordo político" coa Comisión Europea para limitar no mercado grosista da electricidade dos dous países o prezo do gas utilizado polas centrais de ciclo combinado para produciren luz e aliviar con iso a factura dos consumidores.
A aplicación do tope terá unha duración de doce meses e empezará cun prezo medio do gas de 40 euros/megawatt hora para estabilizarse nuns 50 €/MWh de media en todo o período.
O acordo beneficiará o 40 % dos consumidores domésticos —aqueles que teñen tarifa regulada— e ata ao 80 % dos industriais, cuxas facturas están vinculadas ao mercado grosista da electricidade, segundo avanzou entón a ministra Ribeira.