Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno amplía descontos na AP-9 con rebaixas para usuarios frecuentes e vehículos pesados

O Goberno amplía descontos na AP-9 con rebaixas para usuarios frecuentes e vehículos pesados

A partir do 1 de xaneiro o desconto para os vehículos pesados pasará do 20 ao 50 %, e no caso daqueles usuarios que fagan máis 20 viaxes ao mes vanse beneficiar dun desconto do 50 %

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, proclama que Puente "cumpre" e o BNG reivindica o pacto de investidura

G24.gal 28/11/2024 12:03 Última actualización 28/11/2024 17:34

O Consello de Ministros aprobou os descontos para usuarios da AP-9 con vistas ao próximo ano 2025.

Amais de renovarse os xa existentes, a novidade máis importante é que se amplían os descontos para vehículos pesados, que pasan do 20 % ata o 50 %, independentemente do sistema de pagamento, e tamén para os usuarios frecuentes, que pasarán a pagar a metade se realizan máis de vinte viaxes ao mes, sempre e cando paguen con telepeaxe.

A partida para estes descontos amplíase ata os 81,6 millóns de euros. Segundo asegurou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que foi que informou sobre a decisión do Executivo, "miles de galegos vanse beneficiar destes descontos".

"O Goberno eleva así as axudas para financiar todos os descontos na AP-9 durante o ano 2025. Unha vez máis, o ministro Óscar Puente cumpre con Galicia", aseverou o delegado.

Trátase dunha medida que supón un "paso previo" para a tramitación e aprobación do real decreto que regulará o aumento de descontos a vehículos lixeiros que utilicen a autoestrada de forma habitual e a todos os vehículos pesados.

Neste contexto, estes últimos verán incrementada a rebaixa do 20 % actual ata o 50 % desde a primeira viaxe, "independentemente do sistema de pago".

Segundo detallou o Ministerio de Transportes nunha nota de prensa, co actual sistema de bonificacións, en vigor desde finais de xullo de 2021, bonificáronse ata o 30 de setembro de 2024 máis de 66 millóns de tránsitos de vehículos lixeiros e case 14 millóns de vehículo pesados, "xerando aforros aos usuarios duns 141 millóns de euros"

Pola súa banda, o BNG sinalou que esta aprobación "obedece ao paso previo ao cumprimento dun dos puntos do acordo de investidura conseguido polo BNG para as novas bonificacións da AP-9".

Nesta liña, o deputado Néstor Rego destacou o traballo realizado polos nacionalistas e incidiu en que o feito de que os usuarios desta autoestrada "estean máis preto de conseguir novos descontos demostra que co BNG, Galicia gaña".

Por outra banda, os deputados provinciais do PP de Pontevedra rexistraron unha moción na que solicitan ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que proceda á "conxelación" das tarifas de peaxe da AP-9 a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Ademais, esixiron que "non se siga prexudicando a economía dos galegos que a diario teñen que usar esta autoestrada para os seus desprazamentos". Con todo, lamentaron que a AP-9 ten nalgún dos seus tramos "as peaxes por quilómetro máis caras de toda España" e denunciaron que esta conxuntura "verase agravada" a partir do próximo 1 de xaneiro pola actualización do seu prezo por parte do Goberno de España.

As novas bonificacións irán acompañadas da suba das tarifas prevista para o 2025, que podería superar o 4 %. É o que resulta de trasladar o IPC máis un 1% adicional comprometido polas obras de Rande e de circunvalación de Santiago. E quedaría aínda unha parte da suba correspondente ao 2023 e que se adiou en dous anos dentro paquete de medidas contra a inflación

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade