Publicador de contidos

Publicador de contidos

O gas ruso chegará á China a prezos máis baixos ca a Europa e con pagamentos en rublos e iuáns

O gas ruso chegará á China a prezos máis baixos ca a Europa e con pagamentos en rublos e iuáns

Os dous países chegan a un acordo para a construción dun gasoduto

O proxecto Forza de Siberia-2 bombeará 50.000 millóns de metros cúbicos anuais a través de Mongolia

O acordo supón un revés para o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump

G24.gal 02/09/2025 16:39 Última actualización 02/09/2025 16:53

O presidente ruso, Vladimir Putin, pechou en Pequín un acordo previo coa China para construír o gasoduto Forza de Siberia-2, que servirá como alternativa ao mercado europeo.

O entendemento, considerado unha vitoria política para Moscova e moi beneficioso para Pequín, foi rubricado por Gazprom e a Corporación Nacional de Petróleo de China (CNPC) en presenza de Putin e Xi Jinping.

O proxecto, que atravesará Mongolia, terá unha capacidade de 50.000 millóns de metros cúbicos anuais e levará uns catro ou cinco anos de construción. Segundo o presidente de Gazprom, Alexéi Miller, trátase do investimento máis grande no sector gasístico mundial. O acordo, de 30 anos de duración, prevé que os pagamentos se fagan ao 50 % en rublos e iuáns.

Expansión das exportacións á China

Gazprom asinou tamén con CNPC un incremento dos envíos a través do gasoduto Forza de Siberia, en funcionamento desde 2019, que pasarán de 38.000 a 42.000 millóns de metros cúbicos ao ano, e pola ruta do Extremo Oriente ruso, que subirán de 10.000 a 12.000 millóns.

En total, Rusia exportará á China arredor de 106.000 millóns de metros cúbicos anuais, aínda por baixo dos máis de 170.000 millóns que Moscova vendía a Europa en 2020.

Miller destacou que os prezos para China son máis baixos ca os europeos debido á menor distancia dos xacementos de Siberia Oriental respecto da fronteira común, o que reduce os custos de transporte.

Aínda que os detalles económicos permanecen en segredo, fontes do sector apuntan que Pequín meteu presión para obter condicións moi vantaxosas, próximas aos prezos internos rusos.

O acordo supón un revés para o presidente dos Estados Unidos

Donald Trump xa aplicou aranceis do 25 % á India por importar cru ruso e ameazou A China con medidas similares. Expertos sinalan que a crecente tensión en Oriente Medio, marcada polo enfrontamento entre Irán e Israel, tamén influíu no interese de Pequín por garantir a subministración rusa.

A aposta de Moscova por reforzar a súa saída ao mercado asiático confirma a estratexia iniciada antes da guerra de Ucraína e evidencia a procura de alternativas estables fronte ao descenso das vendas de gas a Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade