O Gaiás acolle 'As estacións do ano', un percorrido sensorial pola arte galega contemporánea
As obras non se articulan por períodos, técnicas ou temáticas, senón por sensacións asociadas ás estacións climáticas
Os visitantes sentirán "un día frío de inverno" e un "día de calor de verán"
Acto de inauguración da mostra no Gaiás. Europa Press
'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' é o título da mostra que se pode visitar desde hoxe e ata o 6 de setembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura; unha exposición vangardista e inmersiva na que se repasa a propia vivencia das estacións en Galicia a través da arte contemporánea en toda a súa extensión: visual, auditiva e sensorial.
Segundo a comisaria da instalación, Mónica Alonso, trátase dunha mostra que emprega a natureza e o clima como inspiración, pero que vai máis aló, apostando por "un percorrido visual con base neurolóxica". As obras que integran a exposición non se articulan por períodos, técnicas ou temáticas, senón por sensacións asociadas ás estacións climáticas, e non están pensadas só para ser vistas, senón para ser sentidas.
"Hoxe faise realidade un soño longamente meditado", explicou na inauguración a comisaria, que reiterou que "se trata dunha montaxe con intención inmersiva" e con constantes referencias á identidade galega, empregando todo tipo de instalacións artísticas".
A elección das estacións do ano como fío condutor obedece á influencia do clima na cultura galega, dado que este "modula a nosa identidade, creando o noso imaxinario colectivo" segundo explicou a comisaria no acto inaugural da instalación, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, José López Campos, e outros representantes do mundo da arte.
O espazo expositivo da segunda planta do Museo Gaiás divídese en dúas áreas: unha fría, na que o visitante atopará un espazo dedicado ao inverno e outro ao outono; e outra cálida, onde se poderá transitar pola primavera e o verán. Ambas están unidas por unha sala inicial de cor azul ceo que pretende actuar como espazo neutral "depurador".
Cabinas de frío e calor
Desde alí, o visitante debe decidir entre dúas opcións: unha cabina de frío e luz azul, que dá acceso ás salas dedicadas ao outono e ao inverno; ou unha cabina de calor e luz vermella, que actúa como antesala ás salas de verán e primavera. Os sentidos, incluso a temperatura corporal, prepáranse de modo previo á inmersión, de tal xeito que o espectador senta antes de entrar "un día frío de inverno" ou un "día de calor de verán", respectivamente.
Toda a mostra está deseñada para "activar as emocións", máis que para facer un percorrido académico polas obras de arte. Para iso, as pezas conviven asociadas máis á sensación estética e emocional que evocan, e ao contido estacional, que á súa cronoloxía ou tipoloxía.
En cada unha das salas, gris azulado para inverno, verde ocre para outono, amarelo para o verán e rosado para a primavera, conviven pinturas, esculturas, pezas, audiovisuais, fotografía e gravación de diferentes etapas, algunha das cales foron creadas expresamente para a exposición.
Máis de 80 obras de 63 artistas
Son máis de 80 pezas de 63 artistas contemporáneos, desde comezos do século XX, entre os que están Castelao, Laxeiro, Eugenio Granell, Urbano Lugrís, Seoane ou María Antonia Dans; en diálogo con artistas de recoñecida traxectoria, como os fotógrafos Manuel Vilariño e Mar Caldas, o escultor Manolo Paz ou os pintores Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas; e coas novas xeracións, na pel de Mar Ramón Soriano ou Sergio Marey, entre outros.
Entre as pezas creadas especialmente para a exposición está 'A carda, a cuarza, ou bicho e a moura', de Berio Molina. Presente nas catro estaciones, está formada por catro cunchas fabricadas con la e vimbia que varían de aspecto segundo a estación e, no seu interior, pode escoitarse a gravación da paisaxe sonora de cada unha das estacións, captado polo artista no interior das covas do Pico Sacro.
Tamén para a mostra foi creada 'Cor-Sombra V', na que Mar Vicente recrea a luz e as sombras do verán; ou 'Esfollarse', unha instalación centrada nas follas do millo e a que colaboran Edu Valiña e o músico Mondra.
Vídeo de Francisco Leiro
Entre as obras, destaca o único vídeo do escultor Francisco Leiro, unha intervención marítima con pezas de gran tamaño gravada en 1997; un vangardista bodegón primaveral asinado por Urbano Lugrís; ou as novas 'Rosas de abril', que Manuel Quintana Martelo repintou para a mostra despois de vender o orixinal en 2016.
Visitas sensoriais
Máis aló da propia exposición, e das visitas guiadas, Gaiás Inspira abrirá en breve un programa de visitas específico que propón mimetizarse coa propia contorna para intensificar a experiencia. O público poderá vestir pezas monocromáticas iguais, como túnicas neutras frías para outono e inverno e neutras cálidas para primavera e verán, mentres percorre a mostra coa finalidade de facer máis sensorial a visita.