O Frigoríficos ficha o porteiro croata Ivan Panjan para suplir a baixa de Sujlevic
Os problemas económicos do Nancy para inscribirse na Proligue facilitaron a chegada do porteiro balcánico

O Frigoríficos do Morrazo anunciou este mércores a fichaxe do porteiro croata Ivan Panjan, que procede do Nancy da Segunda División francesa e firma por unha tempada, con opción a outra, coa entidade galega.
Panjan, subcampión do Mundo júnior coa súa selección no Campionato da categoría que se disputou en Vigo e Pontevedra en 2019, chega a o Gatañal para suplir a baixa do montenegrino Haris Suljevic, fichado polo RK Zagreb previo pago da súa cláusula de rescisión.
Os problemas económicos do Nancy para inscribirse na Proligue -segunda categoría francesa- facilitaron a chegada do porteiro balcánico, que convenceu ao técnico Quique Domínguez por diante doutras opcións a pesar de non ter experiencia na liga Asobal.
“A fichaxe de Ivan é moi importante para nós. Sorprendeunos desde o momento en que empezamos a seguilo, e a situación do seu anterior club permitiunos presentarlle unha oferta que aceptou de inmediato”, destaca o director deportivo do Frigoríficos, Óscar Fernández.
Panjan debutará co Frigoríficos na final da Supercopa Galicia que este domingo medirá ao equipo de Domínguez co Cisne, unha semana antes do seu debut ligueiro ante o Ademar no Gatañal.