O Filandón de Músicas do Courel homenaxea a Isabel Arias, cantareira da Veiga
Esta celebración enxalza o papel das persoas que coidaron a transmisión da cultura e da música tradicional
Uns cento cincuenta músicos e músicas participaron este domingo na XXVIII edición do Filandón de Músicas do Courel, unha homenaxe a todas as persoas que, dun xeito ou outro, contribuíron a que as cantigas e a tradición musical se transmitiran de xeración en xeración.
Este ano fíxoselle unha homenaxe a Isabel Arias Rodríguez de Valdín, unha cantareira da Veiga que aprendeu as cantigas de nena, cando andaba co gando e máis traballaba na terra, e que as mantivo toda a súa vida, mesmo logo de perder a vista. Para ela cantar é sinónimo de "felicidade", segundo nos contou.
Para o organizador do evento, Xosé Lois Foxo, este Filandón "axuda a honrar ás persoas que coidaron a transmisión dos saberes musicais", mulleres e homes que contribuíron a enriquecer a música e a cultura galega.