A violencia machista e as políticas de igualdade, no epicentro da batalla electoral
O Goberno arremete contra o PP, ao que acusa de querer branquear a violencia contra a muller polos seus pactos con Vox
Yolanda Díaz aféalle a Pedro Sánchez as críticas a Irene Montero, á que acusa de dividir co feminismo
A violencia machista e as políticas de igualdade pasan á primeira liña do debate electoral.
O Goberno carga contra o PP polos seus pactos con Vox porque din que cuestionan a violencia contra a muller. A voceira do Executivo di que coas "posicións dos que a negan e os que a minimizan, o país está retrocedendo 20 anos".
Pero Feijóo nega pasos atrás. E reitera que no pacto de Valencia "non hai unha soa coma que vaia en contra ou cuestione a violencia machista".
Críticas contra o líder do PP tamén por unhas palabras sobre Carlos Flores, o candidato de Vox en Valencia condenado por violencia machista. "É un catedrático de Dereito Constitucional, é verdade; cumpriu as sancións, é verdade; foi hai 20 anos, é verdade; tivo un divorcio duro e iso levou consigo un abuso verbal a súa muller e nos dixemos non podemos asinar un acordo con esta persoa", dixo Feijóo nunha entrevista radiofónica.
Pero o Goberno lembra que "non hai nin pactos nin acordos, nin divorcios duros que xustifiquen branquear esta violencia".
O PP nega que Feijóo quixese minimizar a violencia de xénero. O voceiro de campaña do PP, Borja Sémper, saíu aclarar que nas palabras de Feijóo "non hai nin un ángulo para minimizar un delito destas características". A xuízo de Sémper, o que se fixo foi "recoller algunhas das xustificacións que nos dicían para minimizar o impacto e a importancia da condena".
Ao tempo as políticas de Igualdade enfrontan o PSOE cos socios de Goberno. Os socialistas desmárcanse da xestión no ministerio de Irene Montero, á que lle afean un discurso feminista excluínte.
Pedro Sánchez aseguraba que hai "unha impresión de que homes de 40 ou 50 anos non están cómodos con algúns discursos".
Pero a vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, considera que estas palabras de Sánchez son "unha incorrección" e lémbralle que o "feminismo é un movemento que camiña e cuestiona a sociedade. Cuestiona a mulleres e homes. Por iso é incómodo". E advírtelle a PP e PSOE que co feminismo "non é bo xogar".
A ministra de Igualdade, Irene Montero respondeulle a Pedro Sánchez cun chío no que se pode ler nunha pancarta: "Desculpe as molestias, pero estannos matando".