Sánchez asegura ante os presidentes autonómicos que prevé esgotar a lexislatura e pídelles evitar "a crispación"
Sánchez asegura ante os presidentes autonómicos que prevé esgotar a lexislatura e pídelles evitar "a crispación"
Sánchez anuncia 175 millóns para educación infantil gratis e pide apoio o plan de vivenda do Goberno
Ayuso ausentouse da Conferencia de Presidentes ao falar Illa e Pradales en catalán e éuscaro
Ayuso e a ministra García, separadas por un enfrontamento: "Queres darlle un bico a unha asasina?"
Filipe VI presidiu a foto de familia previa o encontro

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este venres ante os presidentes autonómicos que prevé esgotar a lexislatura e, por tanto, que as próximas eleccións xerais se celebren cando tocan, en 2027.
Sánchez ratificou a súa intención de esgotar o mandato na XXVIII Conferencia de Presidentes que se celebra en Barcelona e despois de que varios presidentes de comunidades gobernadas polo PP pedisen nesta reunión adiantar as eleccións ante a situación crítica que cren que vive España.
175 millóns para educación infantil
No encontro, Sánchez anunciou que poñerá en marcha un novo programa dotado con 175 millóns de euros para o acceso gratuíto á educación infantil a familias con rendas baixas durante a súa intervención na Conferencia de Presidentes que leva a cabo este venres en Barcelona.
Segundo indican fontes de Moncloa, Sánchez pediu aos presidentes das comunidades autónomas "deixar a crispación no colgadoiro" e abordar os debates con "honestidade e espírito construtivo".
Previamente, nunha comparecencia inicial sen preguntas, Pedro Sánchez instou os presidentes autonómicos a ter "sentido de país" e apostar por ese plan para triplicar o investimento para a construción de vivenda pública, ata os 7.000 millóns de euros.
Ademais Sánchez apelou a que que o Executivo e as comunidades teñan o entendemento e o diálogo demostrado con motivo da pandemia de coronavirus, e sexan capaces de chegar a acordos.

Un encontro condicionado pola tensión política previa
As oito e cuarto da mañá comezaban a chegar os distintos mandatarios autonómicos, recibidos polo ministro Ángel Víctor Torres e o anfitrión, o presidente catalán Salvador Illa.
O rei Filipe VI chegaba as 9, poucos minutos despois que o presidente do Goberno. Tanto o monarca como Sánchez realizaron unha liña de saúdo protocolario aos presidentes das 17 comunidades autónomas, aos das dúas cidades autónomas; así como á presidenta do Congreso, Francina Armengol; o presidente do Senado, Pedro Rollán, e a doce membros do Goberno, entre eles a vicepresidenta primeira, María Jesús Montero; a vicepresidenta segunda; Yolanda Díaz, ou a vicepresidenta terceira, Sara Aagesen.
Sánchez saudou todos os ministros e presidentes autonómicos, estreitando a man á presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, tras a polémica aberta pola dirixente madrileña a conta da organización desta conferencia; e ao presidente manchego, o seu compañeiro do PSOE Emiliano García-Page, quen o mércores lle solicitou a convocatoria de eleccións xerais.
A presidenta do Goberno madrileño e a ministra de Sanidade, Mónica García, protagonizaron un momento de gran tensión antes da Conferencia polas mortes nas residencias de maiores de Madrid durante a pandemia.
Segundo relatan fontes da contorna da ministra, García foi saudar "con normalidade institucional" a Ayuso e esta quitoulle a cara e "moi nerviosa, inquieta e agresiva" acusouna de chamala "asasina".
A titular de Sanidade respondeulle que iso era "mentira" e que "non debería mentir así", un enfrontamento que concluíu cando, segundo estas fontes, se achegou unha persoa de protocolo e separounas.
Poucas esperanzas de acordos
Se na última conferencia, a celebrada en decembro en Santander, non lograron xa achegar posicións respecto aos asuntos que se debatían, a evolución dos acontecementos, con duros cruces de acusacións entre Goberno e oposición por asuntos como a publicación dos audios da xa exmilitante socialista Leire Dez, faino máis difícil aínda.
Ata o punto de que o PP chegou a barallar que os seus presidentes autonómicos plantasen se non se incluían na orde do día da reunión unha serie de cuestións, pero o Goberno accedeu finalmente a que se debatan.
O feito de que se celebre en Barcelona e co president Salvador Illa de anfitrión outorga a este encontro, a xuízo do Executivo, un simbolismo especial, porque considera que é un fito máis na plena normalización de Cataluña.
Como é habitual antes do inicio das sesións, Sánchez, xunto ás vicepresidentas e ministros que o acompañan, e os presidentes autonómicos mantiveron un almorzo co rei Filipe VI. O monarca abandonou Pedralbes pasadas as dez da mañá.

A continuación comezaron as intervencións, nas que os baróns do PP, entre outras peticións, esixiron ao Goberno derrogar a lei de vivenda, prolongar a vida das nucleares e anular os acordos singulares con Cataluña en materia de financiamento ou migracións.
Isabel Díaz Ayuso cumpriu a súa promesa. Asegurara que se algún dos seus homólogos non falaba en castelán (por primeira vez permítese o uso das linguas cooficiais tras solicitáreno Cataluña e País Vasco), sairía da reunión. E así foi. Tanto o presidente catalán, Salvador Illa, como o vasco, Imanol Pradales, xa anunciaran que ían intervir nas súas linguas propias.
De feito, Illa realizou a súa intervención inicial logo de almorzo en catalán, diante de Pedro Sánchez.

Sánchez enviara unha carta aos presidentes para exporlles un Acordo Estatal de Vivenda 2026-2030 con medidas concretas como triplicar o investimento público ata chegar a case 7.000 millóns de euros, dos que o 60 % os achegaría o Goberno.
Sen entrar nos detalles da proposta, o PP xa criticou que recorra a anuncios sobre vivenda cando máis cercado está pola corrupción e considera que non ten credibilidade para liderar ningún pacto nacional.
Financiamento singular
En espera das conclusións deste cumio na tarde deste venres, a previsión é que haberá polémica tamén polo acordo do Goberno con ERC para dotar a Cataluña dun financiamento singular, xa que os populares se opoñen (como rexeitan tamén a condonación da débeda autonómica) e reclamarán abordar xa a reforma do modelo de financiamento de forma conxunta.
No ámbito de migración, os presidentes do PP queren que na conferencia se recoñeza a competencia exclusiva do Estado en materia de control fronteirizo e inmigración, un rexeitamento claro ao acordo do Goberno con Junts para compartir con Cataluña as competencias na xestión migratoria.