O exfiscal García Ortiz define a súa condena como "unha flagrante inxustiza"
García Ortiz recibiu unha homenaxe en Santiago, cidade na que residiu
Europa Press/Álvaro Ballesteros
O exfiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz definiu a súa condena como unha "flagrante inxustiza", desde "o punto de vista dun condenado", que "non debe dar pena, senón ganas de cambiar as cousas".
García Ortiz pronunciouse deste xeito durante a súa intervención no peche do acto que veciños e personalidades da sociedade compostelá organizaron na Casa da Luz de Santiago de Compostela, en recoñecemento ao seu "compromiso e bonhomía" e no que se apelou a "reparar o dano" e "restituír a súa honra".
Nunha intervención na que se lle puido ver emocionado e na que asegurou estar "excedido emocionalmente", defendeu a lexitimidade da figura do fiscal xeral do Estado en democracia.
"É un posto de moitísima responsabilidade para o que ninguén está preparado", manifestou para asegurar que se trata da "figura da xustiza cunha lexitimidade máis clara" porque "emana da vontade democrática".
Con todo, lamentou que unha parte da sociedade "lonxe de entender isto como unha virtude democrática" do Estado español, o vexa como unha tacha, como o pecado orixinal que ten unha figura que o que debe de facer é interpretar a Constitución, interpretar a norma e promover a acción da xustiza e entender que España é un Estado social e democrático de dereito".
Sostivo que a el e ao seu equipo apartárono " do cargo" por "defender unha forma de entender a xustiza" como o "único que ten un estado democrático igual a todos os cidadáns".
Ademais, defendeu a súa permanencia no cargo durante un proceso que cualificou de "durísimo". Tamén deixou claro que non se quere ver "como un heroe" pero "tampouco como unha vítima" senón que el tivo unha "situación privilexiada" na que viviu o que "desde o punto de vista dun condenado" cualificou de "flagrante inxustiza".
No evento tomaron a palabra múltiples personalidades da cidade como a alcaldesa Goretti Sanmartín; a historiadora e política Encarna Otero, o exreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o exdeputado socialista Xoaquín Fernández Leiceaga; a politóloga e exportavoz de Sumar no Congreso Marta Lois, entre outros.
Entre o numeroso público asistente púidose ver o xuíz Luis Villares, quen recentemente foi apartado da sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que decidía sobre os eólicos, así como cargos políticos como o secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.