Publicador de contidos

Publicador de contidos

O exército ruso retrocede na anexionada rexión de Khersón ante o avance ucraíno

O exército ruso retrocede na anexionada rexión de Khersón ante o avance ucraíno

As ratificacións dos tratados de anexión de catro rexións ucraínas a Rusia continúa o seu avance e xa só lle resta a do Senado

G24.gal 03/10/2022 16:10

Rusia recoñeceu este luns o avance do Exército ucraíno na anexionada rexión de Khersón, no sur do país, onde logrou romper algunhas liñas defensivas rusas e obrigou ás forzas rusas e prorrusas a repregarse a novas posicións de defensa.

"O inimigo logrou penetrar nosa defensa con unidades de tanques numericamente superiores", declarou no parte militar o portavoz de Defensa ruso.

Segundo o mando ruso, "as tropas rusas ocuparon unha liña de defensa previamente preparada e continúan atacando ao inimigo masivamente".

"As perdas de combatentes ucraínos nesta zona ascenderon a uns 130 efectivos e 23 máquinas de combate", engadiu.

Khersón é unha das catro rexións ucraínas -xunto a Donetsk, Lugansk e Zaporijia-, anexionadas por Rusia o venres pasado, paso que hoxe confirmou a Duma do Estado ou cámara baixa rusa nunha sesión plenaria.

As leis de ratificación foron votadas unha por unha e recibiron o apoio unánime dos lexisladores, que ovacionaron os resultados da votación, efectuada de maneira electrónica.

"Este proceso é a continuación lóxica da unificación das terras rusas que comezou en 2014 co retorno a Rusia da república de Crimea e a cidade de Sebastopol", dixo o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, quen presentou os proxectos de ratificación ante os deputados.

Os tratados, que este domingo recibiron o visto e prace do Tribunal Constitucional de Rusia, establecen que nesas catro rexións a lingua oficial será o ruso, aínda que se permitirá o emprego do ucraíno, e a moeda nacional, o rublo.

Manterán o seu nome como novos suxeitos da Federación de Rusia, tanto as repúblicas populares de Donetsk e Lugansk como as rexións de Khersón e Zaporijia.

Mañá, martes, tocaralle a quenda de ratificación ao Consello da Federación, o Senado ruso. Despois o presidente promulgará a correspondente lei federal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade