Publicador de contidos

Publicador de contidos

O exército israelí mata seis persoas que supostamente estaban preto da liña amarela

O exército israelí mata seis persoas que supostamente estaban preto da liña amarela

Non se explicou por onde discorre exactamente esa liña e os medios só tiveron acceso a un mapa moi pouco detallado coas liñas de retirada, que non permite coñecer os seus límites

O exército israelí dixo que detectou varias persoas “cruzando a liña amarela e achegándose ás tropas” no norte de Gaza, o que cualificou como “unha violación do acordo”

Publican a identidade dos dous reféns entregados por Hamas que estaban pendentes de identificar

Palestinos desprazados volven ao norte de Gaza carrexando as súas pertenzas. Europa Press / Rizek Abdeljawad Palestinos desprazados volven ao norte de Gaza carrexando as súas pertenzas. Europa Press / Rizek Abdeljawad
G24.gal 14/10/2025 17:27 Última actualización 14/10/2025 19:27

O exército israelí matou este martes seis persoas en tres incidentes distintos na cidade de Gaza (norte) e en Jan Yunis (sur), cando se atopaban en zonas próximas á chamada “liña amarela” de retirada das tropas israelís, segundo o alto o fogo acordado entre Israel e Hamas.

Segundo fontes médicas locais, catro persoas morreron por disparos israelís no barrio de Shujaia da capital gazatí; unha máis faleceu no barrio de Al Shaaf da mesma cidade, e unha sexta morreu na zona de Al Foujari de Jan Yunis, en todos os casos preto da liña ata onde se retiraron as tropas de Israel.

Os cinco falecidos na capital gazatí foron trasladados ao hospital Bautista Al Ahli da cidade.

Os catro de Shujaia morreron, segundo fontes deste hospital e tamén equipos de rescate, por un ataque de dron e foron transportados por civís porque as ambulancias non podían chegar ata alí, xa que foron atacados nunha zona restrinxida para os servizos de emerxencias máis alá da “liña amarela”.

Fontes do Ministerio de Sanidade de Gaza explicaron que eran persoas que intentaban chegar ás súas casas para comprobar o seu estado, despois de seren desprazadas por ataques de Israel para tomar a cidade.

O portavoz da Defensa Civil da Franxa, Mahmud Basal, indicou pola súa parte que estas persoas estaban na rúa Sikkeh, moi próxima á rúa Salah al Din que separa o barrio de Shujaia (leste da rúa) do de Yabalia (oeste, onde se atopa o resto da cidade).

Non se explicou por onde discorre exactamente esa liña e os medios só tiveron acceso a un mapa moi pouco detallado coas liñas de retirada, que non permite coñecer os seus límites.

A outra persoa morta na cidade de Gaza foi atacada por outro dron no barrio de Al Shaaf, ao leste da capital, nunha zona tamén próxima á “liña amarela”. Foi trasladada en ambulancia ao hospital Bautista.

Ademais, fontes do hospital Nasser de Jan Yunis indicaron que outro dron israelí atacou un grupo de palestinos e matou un deles, que estaban na zona de Al Foujari, tamén próxima á “liña amarela” de retirada de Israel.

Nun comunicado, o Exército israelí dixo que detectou varias persoas “cruzando a liña amarela e achegándose ás tropas” no norte de Gaza, o que cualificou como “unha violación do acordo”.

“Intentouse afastar os sospeitosos, pero non obedeceron e continuaron achegándose ás tropas, que abriron fogo para eliminar a ameaza”, engade a nota, que non detalla cantos mortos se produciron.

As familias identifican os dous últimos reféns entregados por Hamas

O Foro de Familias de Reféns confirmou que os dous corpos dos que aínda non se fixera pública a identidade corresponden a Yossi Sharabi e Daniel Peretz, tal e como anunciara o grupo islamita Hamas antes de entregalos a Israel.

Sharabi, de 53 anos, fora secuestrado o 7 de outubro de 2023 no kibutz Beeri, mentres que Peretz, de 22, soldado israelí e natural de Sudáfrica, foi capturado en Nahal Oz despois de resultar ferido durante o ataque.

Hamas liberou este luns os 20 reféns que permanecían con vida na Franxa de Gaza e entregou os corpos doutros catro falecidos. Segundo as autoridades israelís, aínda quedan os restos doutros 24 reféns mortos.

As Brigadas Al Qasam, brazo armado de Hamas, difundiran xa os nomes dos catro cadáveres que entregarían a través da Cruz Vermella: Guy Illouz, Yossi Sharabi, Bipin Joshi e Daniel Peretz.

O Exército israelí confirmou este martes a identificación dos catro, aínda que inicialmente só fixo públicos dous nomes, á espera da autorización das familias.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade