OPINIÓN
O euribor comeza unha escalada preocupante, por María Cadaval
A principal misión que ten o Banco Central Europeo é a de controlar a inflación e termar para que se sitúe ao redor do 2 %, mais na última década a súa acción real estivo particularmente centrada en evitar o derrubamento das finanzas públicas nacionais, sobre todo dos países do sur de Europa. Isto levou a que durante moitos anos os tipos de xuro estivesen baixos, próximos a cero, mesmo incluso en negativo.
Esta realidade tornou, e a política monetaria volveuse restritiva, o cal se traduce nunha suba de tipos non vista en moito tempo, que inmediatamente ten a súa tradución nun incremento significativo do euribor. A escalada do índice de referencia bancaria chegou estes días a un novo máximo anual, cando superou o 2,7 %, que se vai traducir nunha suba importante das hipotecas ás que lles toque revisión neste mes e tamén nos vindeiros. A factura hipotecaria encarecerase arredor dos 2.300 euros ao ano nunha hipoteca media, é dicir, preto de 200 euros ao mes.
A tendencia á alza non parece que vaia rematar aquí, senón mais ben apunta a que pode haber aínda varias subas de tipos mais ata final de ano e, probablemente, siga a senda alcista no ano 2023. A razón? O impacto da política monetaria restritiva non se traslada de xeito automático a un control de prezos, polo que o BCE seguirá retirando estímulos monetarios ata que a inflación se aproxime ao obxectivo do 2 %.
Porén, esta cadea de suba dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo apuntaa a un esprinte do euribor que se acelerará de aquí a final de ano ata rozar o 3 %, o que afecta a mais de catro millóns de hipotecados en España que teñen contratada unha hipoteca a tipo variable, é dicir, a tres de cada catro hipotecas (arredor de 150.000 en Galicia).
O euribor marcou un novo fito onte, xoves, ao superar a cota do 2,7 % na súa taxa diaria por primeira vez dende o ano 2009, un chumbo que se produciu nada mais coñecerse o mal dato da inflación da eurozona, que seguiu en setembro marcando máximos, un 9,9 %. Isto apunta a un endurecemento dos tipos oficiais na próxima revisión, o 27 de outubro, polo que o nos atopamos ante o maior diferencial do euribor na historia, arredor de 300 puntos máis (dende o -0,5% de outubro do ano pasado ata o 2,6 % de media no que vai de mes).
Con este panorama como pano de fondo o Goberno negocia coa banca un escudo que protexa os clientes que teñan contratada unha hipoteca a tipo variable e sexan mais vulnerables. Parece que ambas as partes están próximas a chegar a un acordo que, malia todo, afectaría a unha porcentaxe menor de clientes, arredor de 300.000, aqueles que cumpran unha serie de condicións. Unha das propostas que están enriba da mesa considera vulnerables as familias que firmaran unha hipoteca para a súa primeira vivenda a partir do ano 2012, cuxa hipoteca se encarecese un 30 % (cousa doada de cumprir) e que as cotas supoñan o 40 % do orzamento familiar, sempre e cando a renda estea por debaixo de 25.000 euros. Esta é tan só unha opción das que se discute, mais non está a ser a única, pois para os clientes vulnerables xa existe o código de boas prácticas, a través do cal os clientes poden acollerse a unha carencia de amortización de capital de cinco anos e ampliar o período do préstamo ou pactar co banco unha redución do diferencial aplicable ao euribor +0,25 %, ao que se lle engaden as novas propostas agora presentadas.
A banca é a primeira interesada en tratar de buscar unha solución para as familias que están nunha situación de febleza económica, pois non ten ningunha intención de converterse de novo na grande inmobiliaria deste país.
Neste momento, a morosidade da banca está no seu nivel mínimo, un 3,85 %, a pesar das turbulencias económicas derivadas da covid-19, a guerra e a inflación, mantense lonxe do índice de falta de pagamento a que chegaron en decembro do 2013, que tocou o 13,62 %.
É importante, pois, que se peche un acordo para aliviar as situacións máis complexas ao tempo que o supervisor non debe quitar ollo da evolución dos créditos dubidosos. Mais non se debe pensar que esta situación será igual que na crise do 2008, pois existe un elemento diferencial importante, amais da situación das entidades financeiras e dos seus clientes, que é que, de momento, o mercado laboral aguanta. Este é un dos piares que se debe manter en pé para evitar que o castelo de naipes non caia e non acabe arrasando os mais débiles e tamén aqueles que non son conscientes do que asinan cando formalizan unha hipoteca a tipo variable por un período de tempo de 25 ou 30 anos pensando que os tipos van estar en negativo para sempre.
A política monetaria volve á normalidade e sería interesante que a educación financeira chegase cada vez a máis fogares para evitar que as familias queden presas das súas propias decisións.