Publicador de contidos

Publicador de contidos

O estado ruinoso de varios inmobles da luguesa rúa Castelao motiva as queixas veciñais

O estado ruinoso de varios inmobles da luguesa rúa Castelao motiva as queixas veciñais

A Policía Local de Lugo acordoou parte da beirarrúa debido ao risco de caída de cascallos

Detalle da galería da que caeron cascallos á rúa
Félix Aragunde 29/10/2025 20:47

O desprendemento de cascallos da galería dun edificio da rúa Castelao, en Lugo, obrigou a precintar parte da beirarrúa. A veciñanza asegura que non se trata dun feito illado, posto que noutros inmobles deshabitados da mesma vía xa se rexistraran outros incidentes similares nos últimos meses.

Boa parte dos edificios en cuestión están afectados polo Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado. Ante o risco de que se produza un accidente debido ao estado ruinoso en que se encontran, os residentes e os comerciantes instan as administracións públicas a que tomen medidas para acabar co problema.

"Os propietarios, como non poden tocalos nin poden tiralos nin poden facer nada máis que reformas e manter a fachada, téñenos abandonados. Se a isto lle engadimos que todos os negocios foron cerrando, pois é unha rúa que está a 200 metros do centro e que quizais sexa a máis deteriorada de toda a cidade. Habería que pedirlles responsabilidades aos organismos competentes, sexa o Concello, a Deputación, a Xunta ou o Goberno central", sinala José Luis Pérez López, presidente do centro comercial aberto Lugo Centrum. 

A rúa Castelao une o centro da cidade coa futura estación intermodal, coa que veciños e comerciantes agardan que a zona adquira un novo pulo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade