Publicador de contidos

Publicador de contidos

O estado de emerxencia sanitaria acaba esta medianoite en Galicia

O estado de emerxencia sanitaria acaba esta medianoite en Galicia

Venres e sábado, cafeterías, bares e restaurantes poderán abrir ata a unha e media da madrugada

Nas residencias levántanse varias medidas excepcionais

G24.gal 22/10/2021 11:02

Esta medianoite Galicia sairá da emerxencia sanitaria que se declarara o 13 de marzo de 2020. Entre outros cambios, o comité clínico deixará de reunirse semanalmente.

No seu último encontro acordou que as capacidades volvan ao cen por cento en practicamente todos os ámbitos.

Desta decisión estaban moi pendentes na hostalería. Aínda non recuperan os horarios das licenzas, mais amplíanse, segundo as actividades e o día da semana.

As discotecas poden abrir ata as cinco da madrugada mantendo un condicionante que precisa o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Venres e sábado, cafeterías, bares e restaurantes poderán abrir ata a unha e media da madrugada, e os pubs, ata as catro e media. Á espera de ver como evoluciona a situación, o sector declárase optimista.

Hai máis pasos adiante na apertura. Nas residencias levántanse varias medidas excepcionais. Dende mañá, os usuarios poderán saír coma antes da pandemia e recupéranse as visitas, con cita previa.

Para o vindeiro sábado, a Xunta agarda aprobar que os albergues volvan ao cen por cento da súa capacidade, pedindo o certificado COVID.

As autoridades reclaman prudencia para esta nova fase: a máscara continúa sendo obrigatoria en varios ámbitos, como todos os interiores, e hai que seguir respectando a distancia de seguridade de metro e medio.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade