O Ensino perde o partido e a Blanca Millán en Gran Canaria
A máxima anotadora do equipo galego mancouse no segundo cuarto
O Durán Maquinaria Ensino perdeu en Gran Canaria (68-52) e a súa máxima anotadora Blanca Millán, que tivo que retirarse do partido mancada mediado o segundo cuarto.
Ao Ensino tocoulle ir a remolque por mor dun pésimo comezo de partido (16-2, minuto 5), pero foi capaz de repoñerse e, xusto antes da lesión de Millán, poñerse a seis puntos (27-21). O Gran Canaria acabou o segundo cuarto cun parcial de 5-0 que lle permitiu marchar outra vez por riba dos dez de vantaxe (41-29).
O terceiro cuarto principiou cun 7-2 (48-31) que acabou por sentenciar o partido. O Ensino xa non tivo posibilidade de reacción e acabou perdendo cun claro 68-52. As malas porcentaxes de tiro (27 %) foron decisivas para unha derrota tan contundente.