Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Eixo Atlántico di que o proxecto do AVE Lisboa - Vigo precisa da colaboración do Goberno e da Xunta

O Eixo Atlántico di que o proxecto do AVE Lisboa - Vigo precisa da colaboración do Goberno e da Xunta

"No tema do tren temos unha vantaxe, que é o Goberno portugués, e un inconveniente, que é  o Goberno español", di o secretario xeral do Eixo Atlántico

Esta liña de AVE colocaría a Ferrol de Lisboa en catro horas e a Vigo en dúas horas e media

G24.gal 29/09/2022 09:56 Última actualización 29/09/2022 10:51

O secretario xeral do Eixo Atlántico Xoán Vázquez Mao conversa nos Bos días sobre o trazado da alta velocidade Lisboa - O Porto - Vigo presentado polo Goberno portugués este mércores.

Vázquez Mao lamenta que no próximo cumio Hispano-Portugués non se vaia tratar, posiblemente como se de debera, porque considera que este tema para España non é prioritario.

España non considera prioritaria a conexión Vigo - Lisboa, lamenta Vázquez Mao

"Teño a convicción de que vai ser outro cumio perdido, para o Eixo Atlántico, no que si se falará de temas importantes dos dous países, como a electricidade, enerxía, do 'lobby' en Bruxelas, que neste momento é moi importante, pero Portugal seguirá apostando pola dinamización económica da fronteira e de toda a franxa marítima ibérica e España vai continuar noutros temas", explica o secretario xeral do Eixo Atlántico.

"Neste tema do tren, nós temos unha vantaxe, que é o Goberno portugués, e un inconveniente, que é o Goberno español".

Para avanzar nesta conexión ferroviaria, o secretario xeral do Eixo Atlántico considera que a Xunta tería que facer dúas cousas: o primeiro "traballarmos todos man con man" e non tratar só de  "saír na foto", e en segundo lugar, e dentro dos marcos de negociación institucional entre Galicia e Portugal, poñer enriba da mesa o tema da conexión ferroviaria "como fixo no seu día Fraga con Felipe González, que, sendo dúas persoas antagónicas politicamente, foron quen de entenderse para que Galicia tivese as autovías".

"O que non se pode é utilizar o tren como arma política, porque ás veces parece que á Xunta tamén lle interesa que non vaia para poder seguir reclamando e seguir tendo un argumento contra Madrid; e mentres se seguen pelexando entre Madrid e Galicia, algo que é fundamental para o desenvolvemento económico do territorio, para a coordinación dos nosos portos e aeroportos".

"Os portugueses xa teñen planificados máis de 400 quilómetros de vía, de 2026 a 2030, e España nin está nin se espera para facer 40 quilómetros". 

"Isto colocaría a Ferrol de Lisboa en catro horas".

"O Sá Carneiro lévao todo porque alí non hai localismos"

A conexión por Ave de Lisboa a Vigo tamén favorecería o desenvolvemento dos aeroportos galegos, segundo o secretario xeral do Eixo Atlántico. Engade que tamén sería moi importante que os dirixentes galegos se deixasen de "localismos", xa que iso só beneficia o aeroporto do Porto.

"O Sá Carneiro lévao todo porque alí non hai localismos, non están pelexando entre si. Alí teñen un aeroporto único para todos. Calquera alcalde do norte de Portugal cando fala do Sá Carneiro, fala do "noso aeroporto". Aquí non, aquí cada un fala do seu aeroporto".

Isto motiva, segundo Vázquez Mao, que as liñas aéreas estean suprimindo voos, e pon como exemplo: "Mañá teño que ir a Madrid e teño problemas de comunicación porque en Vigo Iberia está suprimindo voos".

"Precísase que o corredor Atlántico inclúa una conexión Ferrol - Coruña - Monforte"

Sobre o que está ocorrendo coas as infraestruturas en Galicia, Vázquez Mao di que non sabe "se é un problema de incompetencia ou de mala fe" por parte do Goberno central. Explica que os portugueses teñen tres corredores para saír cara a Europa, desde o sur ata a saída por Salamanca, pero co corredor galego o "único que están facendo é chapa e pintura, que é o que vén de Coruña, Ourense, Monforte, que se fixo máis longo unicamente para ter máis financiación comunitaria. Pero a mercadoría que ven da Coruña, se ten que ir a Vigo, a Ourense e Monforte non lle resulta competitivo. Polo tanto, o que levamos tempo defendendo é a conexión de Ferrol con Coruña e desde Betanzos - Lugo - Monforte, e incluílo no corredor Atlántico para que tamén sexa prioritario. Pero o Goberno o único que está ofrendo é un baypass en Betanzos."

O outro problema sería a conexión da fachada marítima  Ibérica para ser competitivos, os cinco portos galegos, explica o secretario xeral do Eixo Atlántico, e os catro ou cinco portos portugueses "necesitamos unha conexión transversal".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade