O detido por matar un neno na Rioxa pasará a disposición xudicial antes de 24 horas
O home levaba ano e medio en liberdade condicional
Ten unha condena previa por agresión sexual e outra por violación e asasinato
O presunto asasino do pequeno Álex permanece nos calabozos do cuartel da Garda Civil en Logroño. O voceiro do corpo na Rioxa explicou que quedará en mans do xulgado cando o dispoña a autoridade xudicial.
"Séguense instruíndo dilixencias e unha vez que finalicen está xa previsto o seu paso a disposición xudicial pero ata que non estean acabadas non imos saber cando vai ser. Pode estar ata 72 horas aquí".
Ese prazo remata mañá á noite, pero o traslado podería producirse antes.
O detido estivo presente na inspección que se efectuou na súa vivenda. Algo máis de catro horas nas que os investigadores recolleron mostras e trataron de reconstruír os feitos.
O home ten 54 anos e pasou case a metade deles no cárcere. Primeiro por unha agresión sexual e despois por violar e asasinar unha muller. En 2013 empezaron a darlle permisos. Tivo 39, sen que constaran oficialmente incidencias. Agora levaba ano e medio en liberdade condicional e a veciñanza di que xa tratou en máis dunha ocasión de convencer pequenas para que o acompañasen á casa, coa escusa de ensinarlles uns paxaros.