O Deportivo volve gañar seguridade como visitante
Segunda vitoria lonxe de Riazor grazas a un gol de Soriano a dez do final (1-2)
No primeiro tempo o colexiado non asubiou un penalti claro sobre o madrileño
O Deportivo non gañaba como visitante desde a segunda xornada cando o fixera en Mérida. Conseguiu facelo no difícil campo do Alxeciras (1-2) nun partido moi duro e pelexado.
O equipo de Óscar Cano comezou ben e froito dese inicio chegou o gol marcado por Svensson no minuto 20. Antes do descanso empataba o Alxeciras. Un tanto do capitán Iván Turrillo cun lanzamento desde a frontal da área. A seguir chegou a xogada polémica do partido nun derrubo claro de Mena sobre Soriano que o colexiado non asubiou.
Na segunda parte houbo que sacar o martelo para traballar moito o partido. O Alxeciras ameazou a un Mackay que tivo que marchar mancado. Cando só quedaban dez minutos para o final chegou o tanto de Mario Soriano que lle permite ao Deportivo asomar nos postos altos da clasificación.