O Deportivo non pode cun férreo Oviedo
Un gol no minuto 6 do Oviedo foi suficiente para dobregar o Dépor
Regreso ao fútbol profesional do Deportivo despois de 4 anos no barro da Primeira RFEF -anteriormente Segunda B. Riazor tinguido de branco e azul recibía o equipo coruñés con moita emoción, pero as alegrías non duraron moito.
Falta lateral para o Oviedo, equipo que estivo a piques de subir a primeira a tempada pasada, centro, e gol de Alberto del Moral. O gol foi anulado en primeira instancia, pero tras unha longa revisión o VAR concedeu o gol ao encontrarse o xogador do Oviedo en posición legal, minuto 8 e o futuro víase moi negro.
Pese ao duro golpe recibido polo Dépor, o equipo non decaeu, todo o contrario, creceu e fíxose co control do balón, tentando as combinacións por dentro para deixar a Mella ou a Yeremay sós co seu par. O equipo herculino xeraba inquietude, pero non foi quen de xerar ocasións claras en toda a primeira metade.
A segunda metade comezou cunha boa oportunidade de Mario Soriano, gran condución co balón pegado ao pé, pero o disparo saíu moi centrado. O Dépor era o dono do partido e asediaba a férrea defensa dun Oviedo que non era capaz de dar dous pases seguidos. O Deportivo tivo a ocasión máis clara do partido tras un centro lateral, pero un desvío de David Costas e as partes nobres do meta Aarón Escandell desbarataron a mellor ocasión do partido.
E igual que na primeira parte o Deportivo tentaba e tentaba pero non lle deu para máis. O temperán gol do Oviedo foi suficiente para dobregar un Deportivo que ten bos vimbios, pero necesitará algo máis de claridade na zona de tres cuartos para gañar partidos.