O Deportivo gaña na estrea de Óscar Cano no banco
Os coruñeses derrotaron o Linares, que aínda non perdera
Quiles e Rubén Díez marcaron os goles, Samu Corral acurtou antes do descanso
A etapa de Óscar Cano no banco no Deportivo comezou cun triunfo máis que necesario ante o Linares en Riazor. O primeiro once do novo técnico incluíu a Svensson no once titular, do que caeu Diego Villares.
O dianteiro hispano-sueco xogou un bo partido, estivo moi activo e gozou dalgunha boa oportunidade cando na recta final do primeiro tempo o Deportivo apertou con decisión para superar a defensa visitante. Conseguiuno no minuto 39, con protagonismo para Svensson, quen lle ofreceu unha grande asistencia a Quiles para que este marcase o seu primeiro gol da temporada.
O gol outorgáballe tranquilidade ao conxunto coruñés, que só dous minutos despois lograría o segundo. Centro de Antoñito, sucesión de remates e rexeitamentos varios e gol de Rubén Díez. Pero os últimos tempos non son nunca tranquilos para o deportivismo. E na última acción antes do descanso, un erro de Álex Bergantiños propiciou que o Linares acurtase a diferenza. Samu Corral levou a inquedanza ás bancadas de Riazor, que se preparaban para o sufrimento na segunda metade.
Pero o equipo branquiazul xogou con intelixencia tras a volta dos vestiarios. Mesmo gozou de ocasións para facer o terceiro gol. Nunha delas, puído haber penalti por man de Perejón. Svensson tivo unha máis antes da recta final, en que o Linares o intentou sen demasiado convencemento. Un disparo de Fran García detido por Mackay, que volveu á titularidade, foi o último susto para a parroquia deportivista.
Boa estrea de Óscar Cano. O Deportivo suma quince puntos e queda a catro do seu rival.
O novo técnico amosouse encantado tras o partido, e explicou a titularidade de Svensson.