O Deportivo emite sinais de que o xigante por fin espertou
Terceira goleada consecutiva, quinta vitoria seguida, sétima en oito partidos
Lucas Pérez asinou o seu sétimo gol
Terceira goleada consecutiva, quinta vitoria seguida, sétima en oito partidos. O liderado, por fin, a tiro.
O Tarazona prantoulle cara, pero o Deportivo exhibe armas de calibre pesado: por exemplo Mella, desatascador de garda letal a campo aberto. Outro dos seus desbordes co turbo a tope sérvelle o 1-0 a Barbero, que volve mollar, como en Logroño. Non se rende un repoludo Tarazona.
Desaxústase a zaga e Alex Gil bota unha xerra de auga sobre Riazor no segundo capítulo da historia.
Contratempo que o Deportivo afronta co acougo de quen coñece o seu arsenal. A bola parada é un manancial. Bota Lucas de recanto e conecta unha cabezada inapelable o central máis eficaz da Liga: Pablo Vázquez.
Auga fresca que calma a sede. O cántaro volve á fonte cando Lucas Pérez coloca un zurdazo entre Salvi e o pau. Sétimo gol do coruñés nun comezo do 2024 que para el é o reverso do final 23.
E co rival xa esfarrapado chega o cuarto. Alcaina non perde o tempo. Segundo gol en corenta e cinco minutos da fichaxe invernal
Trece goles en tres partidos e o liderado a dous puntos. Sinais de que o xigante por fin espertou.