O canteirán Noé Carrillo mete o Depor nos oitavos de final da Copa do Rei (1-0)
O centrocampista de Teo xogaba os seus primeiros minutos co primeiro equipo despois de superar unha lesión de nocello
Os herculinos gozaron na segunda metade das mellores ocasións estrelando tres balóns nos paus da meta balear
@RCDeportivo
O deportivo estará no bombo dos oitavos de final da Copa do Rei tras derrotar ó Mallorca por un tanto a cero. E cun inesperado protagonista, o canteirán Noé Carrillo, que debutaba co primeiro equipo e que conseguiu o tanto da clasificación aproveitando á perfección os dez minutos dos que dispuxo.
Na primeira metade o peso do partido levouno o equipo balear. Cunha disposición máis ofensiva do habitual, con Pablo Torre no medio centro e catro xogadores por diante, os de Arrasate chegaron con perigo á área de herculina. O xaponés Asano errou na definición en dúas oportunidades e Javi Llabrés tivo a máis clara dese período cun duro disparo desde a frontal da área que mandou a saque de esquina Eric Puerto. O Deportivo buscaba facer dano á contra e soamente as incursións do italiano Quagliatta crearon certa inquedanza no cadro bermellón.
No inicio da segunda metade o Depor viviu o seu mellor momento. Villares estrelaría un balón no pau da meta de Bergstrom e acto seguido Mulattieri non atinaba coa portería nun remate de cabeza realizado a centro de Quagliatta. Pero pouco a pouco o Mallorca volveuse a facer co dominio do partido o que provocou que movera ficha Antonio Hidalgo. Mario Soriano, Luismi Cruz, Stoichkov e Nsogo entraron no terreo de xogo para reactivar o ataque local. E cos trocos chegaría o minuto de tolemia do partido. Maffeo remataba ó traveseiro e o rexeite provocaba unha contra que remataba noutro remate que se topou co traveseiro pero esta vez do canteirán deportivista Nsogo. E sería outro canteirán o que se convertería no heroe da noite. Noé Carrillo,que acababa de entrar no terreo de xogo sustituíndo a Diego Villares, aproveitaríase dun novo rexeite do pau a unha cachoalada de Nsogo, para conseguir o gol que daría a clasificación ó Depor para os oitavos de final da Copa do Rei.