Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Coruxo derrota o Fabril (3-1) e achégase á salvación

O Coruxo derrota o Fabril (3-1) e achégase á salvación

Os de Javi Pereira fanse fortes no Vao e foxen momentaneamente a catro do descenso

Un Fabril moi desafortunado segue de quinto na loita polo ascenso 

Foto: @DeporCanteira
G24.gal 29/03/2025 19:00

O Coruxo sumou o seu segundo triunfo consecutivo como local, os dous desde a chegada de Javi Pereira, e toma aire na loita pola salvación. E foi nun difícil derbi galego diante do Fabril, que chegaba ao Vao en posto de promoción de ascenso, marcha nese mesmo lugar, pero ameazado polos equipos que o seguen, especialmente o Bergantiños.

O partido encarreirárono axiña os vigueses, cun gol de Álex Pérez aos dous minutos de xogo. O dianteiro non tivo, nesta ocasión, problema para definir diante de Alberto. Tocáballes remar aos coruñeses, e fixérono. Primeiro avisou Kevin, aos dez minutos, pero o seu remate saíu por riba do traveseiro. E, no 37, igualaban o marcador. Foi nun ataque lanzado por Marotías, que Kevin deixou no frontal para que Alfaro enviase ao fondo da rede.

A partir de aí, Alfaro erixiuse en protagonista do encontro. No minuto 45 cometeu un penalti a xuízo do colexiado por un contacto sobre Juan Serrano, á saída dun saque de banda. O propio Serrano enviouno á rede para desfacer o empate ao descanso.

Na segunda metade estirouse o Fabril, pero a súa ocasión máis clara chegou axiña, nun remate de Kevin contra o poste. Os seguintes intentos defendeunos ben o equipo vigués. E, no minuto 78, o propio Fabril quedaba sen opcións na acción parva do encontro. Un balón de Alberto que lle devolveu con excesiva forza Alfaro. O porteiro non quixo cometer cesión e o balón acabou na rede. 3-1 e a vitoria quedaba asegurada por parte dun Coruxo que se achega á salvación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade