Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Tribunal Constitucional rexeita o recurso da Xunta contra a lei de amnistía

O Tribunal Constitucional rexeita o recurso da Xunta contra a lei de amnistía

O TC aplica o mesmo criterio que noutros recursos doutras comunidades

G24.gal 29/01/2026 13:32

 O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) desestimou o recurso de inconstitucionalidade interposto pola Xunta de Galicia contra a lei de amnistía a implicados no proceso de independencia de Cataluña, como xa fixera anteriormente con recursos doutras comunidades autónomas.

O recurso impugnaba a lei no seu conxunto por incompatibilidade coa Constitución e vulneración da prohibición constitucional de amnistiar, así como dos principios de seguridade xurídica, do dereito á igualdade, ou do principio de separación de poderes e da reserva xurisdicional, entre outros.

O TC desestima todas esas "tachas de inconstitucionalidade" en aplicación da doutrina establecida na sentenza coa que avalou a constitucional da lei en xuño do ano pasado.

Ademais, do mesmo xeito que noutros recursos, impugnábase de forma específica o artigo 1 da lei de amnistía pola infracción de diversos preceptos constitucionais.

Pero, segundo lembra o TC, no que se refire ao apartado 1 do este artigo, a asimetría no ámbito de aplicación da lei, ao excluír do seu ámbito a quen cometese os delitos amnistiados coa finalidade de opoñerse ao proceso secesionista catalán, xa deu lugar a que se declarase a inconstitucionalidade do devandito precepto.

En canto á inconstitucionalidade do réxime temporal previsto no seu apartado 3, o Constitucional sinala que perde obxecto calquera impugnación referida ao seu parágrafo segundo porque xa foi declarado inconstitucional e nulo na citada sentenza e quedou, por tal razón, "expulsado do ordenamento xurídico".

Polo que respecta a outras impugnacións formuladas pola Xunta desestímanse "en aplicación da doutrina establecida" xa que os motivos de inconstitucionalidade formulados son coincidentes con algúns xa resoltos en sentenzas anteriores.

O TC xa desestimou os recursos da Comunidade de Madrid, a Rexión de Murcia, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Castela e León.

Desta forma o TC reiterou o aval á amnistía que deu nas sentenzas en que rexeitou o recurso do PP e as cuestións de inconstitucionalidade que elevou o Tribunal Supremo e o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade