Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Consello de Ministros aproba o decreto para traspasar a Galicia a xestión do seu litoral

O Consello de Ministros aproba o decreto para traspasar a Galicia a xestión do seu litoral

O acordo de traspaso farase efectivo o 1 de xullo, e será a primeira competencia que se transfire a Galicia en 16 anos

O Goberno destaca que este traspaso "supón un paso importante na consolidación dun novo modelo de xestión do dominio público marítimo-terrestre"

G24.gal 13/05/2025 18:33

O Consello de Ministros aprobou este martes o Real Decreto de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á comunidade autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, tras o acordo alcanzado pola Comisión Mixta de Transferencias na súa reunión do pasado 9 de abril.

O Goberno destaca que este traspaso "supón un paso importante na consolidación dun novo modelo de xestión do dominio público marítimo-terrestre", iniciado nos anos 2006 e 2007 coas comunidades autónomas de Cataluña e de Andalucía respectivamente e consolidado, en 2022, cos traspasos a Canarias e Illas Baleares, en 2024 ao País Vasco e agora a Galicia.

O pasado 9 de abril, o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, presidiu a 44º Comisión Mixta de Transferencias Estado-Galicia na que se formalizou o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á comunidade autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral.

O acordo de traspaso farase efectivo o 1 de xullo, cando a Xunta asumirá a xestión do litoral de Galicia.

Figuran entre as funcións e servizos traspasados, en relación coa xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre no litoral de Galicia, as autorizacións de usos de tempada nas praias e no mar territorial (zonas de fondeo, pantaláns flotantes e usos análogos), e as autorizacións de actividades nas que concorran circunstancias especiais de intensidade, perigo ou rendibilidade.

Tamén as autorizacións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre con instalacións desmontables ou con bens mobles, e as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar.

Obras e actuacións no litoral

Igualmente traspásanse a Galicia as obras e actuacións no litoral da comunidade autónoma que non sexan de interese xeral.

En canto aos servizos que continuarán na Administración Xeral do Estado, atópanse a fixación do importe dos canons pola utilización ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre.

Tamén a titularidade sobre os dereitos económicos devindicados pola utilización ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre, sen prexuízo da competencia de Galicia para establecer outros canons por explotación de actividade.

A Administración central manterá tamén o rescate das concesións demaniais cando a presenza dunha razón de interese xeral vinculada ao seu ámbito de competencias así o esixa, e así como a potestade sancionadora derivada da titularidade estatal do dominio público marítimo terrestre que non se refira ás infraccións por incumprimento dos títulos cuxa xestión corresponda a Galicia.

Establécense, así mesmo, formas de cooperación para o exercicio de funcións concorrentes, no relativo á construción de novos portos e vías de transporte, cumprimento do réxime xeral do dominio público marítimo-terrestre, exercicio das potestades sancionadoras das respectivas administracións e investimentos en obras de interese xeral, a través da creación da Comisión de Seguimento do traspaso, a celebración de convenios e o intercambio de datos.

Como medios patrimoniais e persoais afectos, traspásanse once vehículos e trinta e seis postos de traballo ocupados e vacantes, dezasete de persoal funcionario e dezanove de persoal laboral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade