O conselleiro do Mar pide que se rebaixe o IVE do peixe
O ministro de Agricultura e Pesca cre que a baixada no consumo de peixe non se debe ao IVE senón ao cambio de hábitos
O ministro de Agricultura e Pesca volveuse mostrar contrario a rebaixarlle o IVE ao peixe, como vén pedindo o sector desde hai bastante tempo.
Durante a súa estadía en Vigo, Luis Planas dixo nunha entrevista no xornal La Voz de Galicia que o problema do descenso no consumo de peixe nos fogares non é o IVE senón o cambio de hábitos.
Demostraríao que na hostalería ese consumo aumentou.
Para o ministro, as campañas publicitarias sobre os beneficios de consumir produtos do mar son máis efectivas cá rebaixa de impostos.
Pola súa parte, o conselleiro do Mar insiste en que a demanda do sector é xusta e que ao peixe tamén habería que lle rebaixar o IVE como se fixo con outros alimentos.
"Para que a xente se achegue aos mercados e poida comprar peixe, que ademais é un alimento nutritivo e un alimento san e de moitísima calidade. E poidan compralo porque realmente... é un aspecto de atracción á hora de saber que ese prezo baixa e que polo tanto... sobre todo, tendo en conta que hai outros alimentos que si entraron e se lles baixou o IVE e resulta que os alimentos da pesca non se lles baixa o IVE", dixo Alfonso Villares, conselleiro do Mar.