O conselleiro de Sanidade avanza que a Interterritoral non decidirá novas restricións
Comesaña participa en Córdoba na segunda reunión presencial deste ano do comité interterritorial de Sanidade
A Xunta estuda ampliar a obriga do certificado covid a outros ámbitos
Ningún dos 19 puntos da orde do día da reunión do Consello Interterritorial inclúe que se vaia adoptar algunha restrición sobre limitacións dos encontros sociais ou familiares. Antes de partir a esa xuntanza, o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña asegurou na Radio Galega que o Comité Territorial "validará moitos dos temas sobre os que leva traballando desde hai tempo, ademais de repasar a situación epidemiolóxica".
Analizarase, entre outros asuntos, a situación epidemiolóxica tras a aparición de casos da variante ómicron en España e a vacinación das terceiras doses e dos nenos de cinco a once anos.
García Comesaña confirma que a Xunta estuda ampliar a obriga do certificado covid a outros ámbitos, ademais do ocio nocturno, a restauración e a hostelaría, pero que neste momento están preparando a documentación para que, se chega o caso, haxa que presentala ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que é quen dá luz verde a estas medidas.
O conselleiro descartou por agora incrementar os controis actuais sobre os viaxeiros que visiten Galicia nas próximas datas e tampouco se restablecerán os dispositivos de control nos aeroportos.
Julio García Comesaña considera que a situación nos hospitais é "complicada, pero asumible". Para o conselleiro, son varios factores os que conflúen para poñer tensión no sistema sanitario. Por unha banda, o incremento da hospitalización, "de momento leve, asumible, pero un incremento ao fin e ao cabo". Por outra, a propia época do ano caracterizada por unha elevada afluencia aos hospitais.
A isto hai que sumarlle a campaña de vacinación da gripe e a posta en marcha de novo dos recintos de vacinación masiva para as terceiras doses. "Todo isto en conxunto fai que a situación no sistema sanitario, que ademais leva moitos meses sen baixar a intensidade, sexa complicada, coma sempre, pero polo tempo que levamos e pola situación actual, un pouquiño máis complicada".
O conselleiro de Sanidade salientou a importancia de que se vacine a maior parte da poboación para evitar os casos de persoas menores de 30 anos que se contaxian e entran directamente nas Unidades de Coidados Intensivos.
Julio García Comesaña confirma que as probas PCR convencionais "poden detectar a variante ómicron e non é necesaria a secuenciación". En caso de que afloren casos infectados con esta variante, lembrou, os contactos destas persoas contaxiadas tamén deben facer a corentena aínda que estean vacinados.
Respecto da suspensión de voos procedentes dos países do sur de África con presenza da variante ómicron, o conselleiro de Sanidade mostrouse favorable a esta media. Considera que mentres as características da nova variante non estean definidas: "é prudente tomar estas medidas e, na miña opinión, deberían estenderse máis, xa de xeito normal".
Neste momento de repunta da pandemia, os novos contaxios prodúcense, segundo o conselleiro, sobre todo en encontros festivos e de ocio que despois se transmiten a outros ámbitos, como o laboral, "onde se está detectando algún gromo importante".
Sobre a vacinación dos nenos de cinco a once anos, García Comesaña asegurou que comezarán a administrar as primeiras doses en canto cheguen, pero a Xunta descoñece aínda de cantos envases vai dispoñer e das datas de entrega.
García Comesaña mostrouse a favor de que a lexislación autonómica, nacional ou europea recolla a posibilidade de decretar a vacinación obrigatoria, "polo menos para algúns grupos". O conselleiro lebrou que "hai países en Europa que xa estableceron que os sanitarios que non se vacinen poder perder incluso o seu posto de traballo".
Para García Comesaña, a lexislación debe dar ferramentas ás autoridades sanitarias para afrontar estas conxunturas, aínda que recoñece que en Galicia a porcentaxe de vacinación é moi alta: "Nós non estamos nesa situación".