Publicador de contidos

Publicador de contidos

O conselleiro de Facenda defende a transparencia na xestión dos fondos covid

O conselleiro de Facenda defende a transparencia na xestión dos fondos covid

Miguel Corgos critica o PSdeG por reclamar unha investigación sobre o uso das axudas

Explica que a Xunta investiu os 511 millóns de euros que recibiu do Estado e que o goberno galego achegou 100 millóns de euros máis

Avanza que os orzamentos priorizarán as axudas ás familias e aos sectores máis afectados pola suba dos prezos 
 

 

Miguel Corgos nunha comparecencia no Parlamento de Galicia
G24.gal 22/09/2022 10:43 Última actualización 22/09/2022 16:04

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, asegura que a nosa comunidade autónoma foi "un modelo de transparencia e de boa xestión dos fondos covid-19". 

"Ningunha outra comunidade autónoma creou unha modalidade de financiamento específica para este fondo covid-19, para que se soubese a onde ía cada euro executado e que logo apoiase o informe dunha autoridade independente de fiscalización coma o Consello de Contas para comprobar o seu destino", apuntaba. 

Respondía así Corgos no Galicia por diante ás acusacións do PSdeG, que reclamou no Parlamento unha investigación sobre o uso das axudas. Os socialistas denunciaron un desvío de 159 millóns de euros a fins, din, descoñecidos. 

O conselleiro de Facenda cualifica de "abraiantes" as acusacións dos socialistas e di que "ou non leron o informe do Consello de Contas ou non o entenderon ou están intentado enganar os galegos". 

Corgos explicou que a Xunta investiu os 511 millóns de euros que recibiu do Estado e que o goberno galego achegou 100 millóns de euros máis. Apunta: "O informe di que en todo momento cumpriu con literalidade o establecido polo real decreto lei, que era o que establecía as normas e criterios para a xestión dos fondos". 

Formoso acusa a Xunta de desviar 159 millóns do fondo covid

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, acusa a Xunta de Galicia de desviar a "fins descoñecidos" un total de 159 millóns de euros transferidos polo Estado a través do denominado fondo covid. O líder socialista asegura que ese desvío de fondos "contribuíu a agravar a situación aínda máis".

Afirmou que ese diñeiro debería ser empregado para "reforzar" as contratacións na atención primaria, recuperar os 976 profesionais sanitarios "que se perderon desde o ano 2009" en toda Galicia e frear así o "abandono" do sistema público de saúde.

Eses 159 millóns, segundo o máximo responsable do PSOE en Galicia, "foron desviados sen que se saiba onde foron parar", como asegura que alertou o Consello de Contas nun informe.

"Galicia non é nada sen o seu sistema sanitario", advertiu Formoso, que adiantou que o seu partido presentará diversas iniciativas para pescudar onde está ese diñeiro, a través dunha investigación que, ao seu xuízo, "debería facer o Parlamento".

Orzamentos 

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, avanza que os orzamentos do ano que vén "priorizarán as actuacións encamiñadas a axudar ás familias más afectadas pola suba dos prezos e ós sectores que poidan precisar unha axuda especial". Corgos destaca: "Tentaremos consolidar as rebaixas fiscais para non engadir ningunha carga nova aos galegos". 

Corgos explicou, nunha entrevista no Galicia por diante, que, como avanzara o presidenta da Xunta Alfonso Rueda, os orzamentos recollerán unha rebaixa do primeiro treito do IRPF que beneficiará as rendas máis baixas.

"Agora o tipo marxinal é do 9,4 % e baixarémolo ata o 9 %. Galicia situarase entre as tres comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal para as rendas máis baixas. Engadirá un carácter máis progresivo ó imposto sobre as rendas para que paguen menos os que menos teñen".

Por outra banda, Corgos lembrou que haberá un tratamento fiscal máis vantaxoso para as familias numerosas, unha consideración que, a efectos do IRPF, terán as familias con dous fillos ou máis. 

Deflactar IRPF

Cuestionado sobre a posiblidade de deflactar o IRPF, Corgos apunta: "É unha das opcións que estamos a considerar, pero non temos nada decidido". 

Corgos apuntaba que está en conversas co presidente da Xunta, con Alfonso Rueda, para ver se se recolle "algunha medida adicional, porque o obxectivo deste goberno segue a ser que Galicia siga aplicando a súa propia senda, que pasa por mellorar o tratamento fiscal para os galegos pero sempre dentro da estabilidade orzamentaria e da garantía dun bo funcionamento dos servizos públicos".  

Harmonización fiscal 

O conselleiro tomaba posición sobre o debate fiscal aberto no Estado e unha posible harmonización fiscal entre comunidades autónomas. O conselleiro de Facenda di: "O Goberno non ten capacidade para decidir unha recentralización de impostos. Nós seguimos co noso modelo fiscal, que é incompatible con calquera tipo de recentralización. Se o queren recentralizar, que recentralicen como temos os impostos en Galicia, que pasa por un equilibrio financeiro axeitado para ter garantido o financiamento de servizos públicos e ser un territorio de tributación baixa dentro deses límites". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos