O concello de Santiago desmárcase da polémica pola nova aeroliña que operará na Lavacolla
Remarcan que "non é competencia do Concello" a fiscalización das compañías aéreas nin das axencias de viaxes
Din que non participou en contactos con FlyYo, a empresa romanesa que se encargará dos voos concertados con Fly2Galicia
Algunhas fontes falan dos vínculos desta nova operadora cos voos para a saída de persoas palestinas da Franxa de Gaza
Arquivo de avións aterrando na Lavacolla
O Concello de Santiago de Compostela desmarcouse este xoves da polémica xurdida pola suposta vinculación da nova aeroliña que pretende operar no aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla, Fly2Galicia, co frete de voos para sacar a persoas de Palestina.
Nun comunicado remitido aos medios, o Goberno municipal quixo saír ao paso das informacións publicadas a este respecto e indica que non participou en contactos con FlyYo, a empresa romanesa que se encargará dos voos concertados con Fly2Galicia, nin con ningún outro provedor desta axencia.
"É coñecido o compromiso do Concello de Santiago como institución que representa a toda a veciñanza santiaguesa coa paz, co respecto aos dereitos humanos e co fin do sufrimento do pobo palestino", agrega o escrito facilitado polo Executivo local.
Este mércores, Movemento Sumar Galicia emitiu un comunicado no que esixía "transparencia" para aclarar os vínculos desta nova operadora cos voos para a saída de persoas palestinas da Franxa de Gaza e demandaba ás empresas implicadas "explicacións públicas, claras e verificables" sobre estes feitos.
Estas saídas "voluntarias", advertía o secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, non podían entenderse como tal nun contexto de guerra e bombardeos diarios; polo que achaba "imprescindible coñecer como se seleccionaban os pasaxeiros, quen pagaba os voos, quen autorizaba a súa saída de Gaza, que intermediarios participaban e cal era o destino previsto para esas persoas".
Desde o consistorio compostelán aclaran que "non existe ningún compromiso económico ou convenio de colaboración" con Fly2Galicia, tampouco a través da entidade local de promoción turística, e que, por tanto, "non hai recursos económicos municipais comprometidos nin implicados no seu asentamento no aeroporto Rosalía de Castro".
Si admiten que se produciron "reunións co promotor da iniciativa Fly2Galicia" e que, en relación á mesma, o Concello "valorou a oportunidade para Santiago" que supón instalar unha base da compañía no aeroporto, en especial no plano da conectividade internacional.
Remarcan que "non é competencia do Concello" a fiscalización das compañías aéreas nin das axencias de viaxes que alugan avións ás compañías; senón que este labor de control corresponde a normativas e organismos "de carácter estatal e europeo", neste caso a Aena, que é quen outorga as autorizacións