Publicador de contidos

Publicador de contidos

O concello da Arnoia pide que a Confederación do Miño-Sil repare os estragos da riada

O concello da Arnoia pide que a Confederación do Miño-Sil repare os estragos da riada

Valoran nuns 400.000 euros os danos causados polas inundacións que achacan aos materiais que arrastra o río desde a súa parte alta

G24.gal 09/01/2023 14:54

O concello da Arnoia valora nuns catrocentos mil euros os estragos nas áreas recreativas do municipio despois das últimas enchentes do río Arnoia. Piden que sexa a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a que limpe o seu leito e se faga cargo das reparacións.

A enchente do Arnoia levou por diante as áreas recreativas do Inquiau e as Poldras. A auga baixou estes días cunha forza descoñecida polos veciños e provocou importantes danos materiais que o Concello eleva xa a uns catrocentos mil euros.

Din que levaban tempo co medo de que algo así pasara polos materiais que arrastraba o río dende a parte alta do seu leito. Coidan que a responsabilidade lle corresponde á Confederación Hidrográfica e por iso reclaman que se faga cargo dos danos ocasionados pola riada. 

"Demandar das administracións, neste caso especialmente da confederación, que bote unha man en primeiro lugar na limpeza, porque é urxente e senón a cousa aínda pode ir a peor. E despois que nos axuden a reconstruír e a restaurar estas áreas recreativas e incluso algunha zona que se viu afectada fóra destas áreas", explica Rodrigo Aparicio, alcalde da Arnoia.

Dende a CHMS apuntan que atendendo a xurisprudencia do Supremo e o regulamento de dominio público hidráulico, a limpeza e o mantemento destas zonas correspóndelle os municipios, porque se entende como zona urbana toda aquela na que o concello establece unha infraestrutura como é o caso destas áreas recreativas.

Aseguran que con todo dende a confederación están abertos a colaborar e dar asesoramento para que as zonas afectadas se recuperen canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar