Os médicos piden prudencia e agardar ao que diga a ciencia sobre a nova variante
Pedro Rascado, asesor da Xunta: "As mutacións do virus prodúcense polo incremento da transmisión"
O comité clínico da Xunta insiste nas vacinas e na prevención para frear a expansión dos contaxios
O xefe do servizo de Medicina Intensiva do Hospital Clínico de Santiago, Pedro Rascado, asesor do comité clínico da Xunta para as actuacións contra a covid-19 aseguraba no informativo Bos días da TVG que é prioritario frear o aumento de infeccións do virus que teñen a súa consecuencia nuns días en máis ingresos nos hospitais.
Insistía o facultativo en que as vacinas funcionan moi ben pero que é preciso cortar a transmisión canto antes.
"Temos que manter o uso da máscara, obrigatorio en interiores e aconsellable en exteriores, a hixiene de mans e a distancia interpersoal", incidía Pedro Rascado.
E malia que as vacinas funcionan, non evitan o contaxio aínda que protexen dunha enfermidade grave, os vacinados deben de seguir protexéndose.
Sobre a terceira dose, no comité clínico piden que calquera que reciba a cita para poñela que non o dubide e acuda de inmediato á convocatoria. Cren que se todos colaboramos para frear o virus non van ser precisas máis restricións, que mesmo poderían impedir celebrar un Nadal con certa normalidade
"A ciencia será a que nos diga que pasa coa nova variante ómicron, polo que temos que ser prudentes sobre o seu maior ou menor impacto, e sobre a protección das vacinas fronte a ela", aseguraba no Bos Días o médico galego.