Publicador de contidos

Publicador de contidos

Satisfacción no comité de Ence pola continuidade da fábrica en Lourizán ata 2073

Satisfacción no comité de Ence pola continuidade da fábrica en Lourizán ata 2073

Os traballadores reclaman un plan de investimentos a futuro

Os empresarios de Pontevedra consideran que a pervivencia de Ence en Pontevedra garantirá novos inversores e os postos de traballo

Tras o ditame do TS, a Patronal de Pontevedra non descarta novos recursos ante o TC ou o TXUE, pero non cre que vaian prosperar

G24.gal 08/02/2023 09:59

Este mércores na Radio Galega intercambiamos impresións co Comité de Empresa de Ence e tamén cos empresarios de Pontevedra, poucas horas despois de que o Supremo fallara a favor da prórroga á pasteira na ría de Pontevedra ata 2073. 

Ana Cedeira, membro do Comité de Empresa de Ence, expresou a súa satisfacción pola sentenza do Alto Tribunal, fallo que agardaban con certa preocupación pero tamén con esperanza, aclarou.

A voceira do Comité de Ence manifestou que na empresa sempre foron conscientes das posturas enfrontadas en torno a este asunto, con todo, subliñou, está demostrado que a empresa cumpría cos criterios medioambientais, e así o avala o informe emitido pola Xunta. 

Cedeira achacoulle ao alcalde de Pontevedra facer uso dos cartos públicos para un cometido que cualificou de "persoal". Pensando no futuro, trasladou esta representante sindical, que é o momento de pedir un plan de inversións para Ence, despois de tanto tempo paralizada por mor deste proceso xudicial.

"Agora toca esixir un plan de inversións para a fábrica... e seguir traballando para cumprir con tódolos parámetros medioambientais", precisou.

Postura dos empresarios

Para os empresarios de Pontevedra, a continuidade de Ence en Lourizán é "unha gran noticia" e supón medio século máis de investimentos nunha empresa estratéxica que lle ofrece un futuro no emprego a máis de cincocentas familias e a máis de cinco mil traballadores de forma indirecta.

"Cincuenta anos máis de Ence na provincia de Pontevedra auguran un magnífico futuro de investimentos e sostemento dos postos de traballo", puntualizou o presidente dos empresarios de Pontevedra.

Novos recursos

Jorge Cebreiros non descarta que haxa novos recursos a este fallo en estancias superiores como o T.C ou o TXUE, con todo, non lles ve percorrido.

Outras empresas do litoral galego

O presidente da Patronal de Pontevedra cre que o fallo do Tribunal Supremo podería asegurar a pervivencia doutras moitas actividades de empresas doutra índole (culturais, recreativas...) que agora se asentan no litoral e que cumpren coa normativa en materia de medio ambiente.

"É o que pedimos os empresarios. Se cumprimos coa normativa, ter a seguridade xurídica de poder continuar coa nosa actividade sen sobresaltos", remarcou Cebreiros.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade