O colapso do viaduto do Castro podería obedecer á existencia de problemas estruturais graves non detectados
O colapso do viaduto do Castro podería obedecer á existencia de problemas estruturais graves non detectados
As dificultades para acceder aos cabos de aceiro que atravesan o formigón impiden comprobar a gravidade da corrosión
A normativa actual impón requisitos máis duros para unha maior durabilidade das obras
O viaduto do Castro presentaba problemas estruturais graves que non foron detectados cando se proxectaron as obras de reparación dos cabos de aceiro que atravesan o formigón prefabricado da ponte, afectados pola corrosión. Eses problemas non percibidos explicarían o colapso que sufriu a ponte o pasado martes, segundo unha das hipóteses principais de investigación.
O profesor de Formigón Estrutural da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Manuel Herrador, explica que "non vemos o aceiro que estamos estudando, porque vai protexido, por dentro dos tubos e cunha mestura de cemento e auga, e é moi difícil acceder a eses cabos". Por iso, engade, "o que puido pasar é que non foi suficiente con esta investigación, pero é que o achegamento que facemos é moi similar ao que pasa cando imos ao médico: segundo imos tusindo, o médico o primeiro que fai non é un escáner, un tac e un transplante de pulmón, non, imos pouco a pouco... esta vez tivemos algún problema para determinar o alcance dos danos".
A solución construtiva elixida foi a de pezas de formigón prefabricadas e non fabricación in situ. A obra realizouse en base a normativas que despois se endureceron para garantir unha maior durabilidade. "A normativa posterior presta moita máis atención aos temas de durabilidade, non é unha cuestión de neglixencia da normativa anterior, é que as normativas se actualizan en base ao coñecemento", di Herrador, que investiga sobre estes materiais no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Coruña (CITEEC).
O feito de que o derrubamento se producira en forma de V parece afastar a hipótese dun movemento de terras, pero os profesionais prevén un longo proceso de investigación e piden un mellor acceso á información para poder determinar as causas do colapso.